Os últimos datos que acaba de publicar o Goberno central confirman que a nosa comunidade mantense por riba do 60%, 13 puntos superior á media nacional.
Galicia consolida o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos e mantense por riba do 60%, máis de 13 puntos superior á media de España, segundo os últimos datos oficiais que vén de publicar o Ministerio de Educación e Formación Profesional. Esta porcentaxe sitúa á nosa comunidade ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca.
Este liderado é consecuencia da aplicación do programa da gratuidade da Xunta, xa que desde que se comezou a implantar hai tres cursos a porcentaxe de matriculacións neste 1º ciclo de Educación Infantil aumentou en 14 puntos. A Xunta destina 65 millóns de euros a esta medida, que segue sen contar con ningún apoio económico do Goberno central e que supón para as familias galegas un aforro de máis de 3.000 euros por curso.
Ademais, Galicia é a comunidade autónoma onde o programa da gratuidade é máis completo, xa que ningunha outra ofrece ata 8 horas diarias e 11 meses por curso atención educativa totalmente de balde ao 100% do alumnado e en todas as escolas infantís: as públicas, as de iniciativa social e as privadas. A través desta iniciativa, a Xunta pon a disposición das familias 32.000 prazas gratuítas.