A Deputación adxudica as obras de remodelación integral da avenida de Santa Cristina, en Oleiros

por Redacción A Coruña

As obras teñen un prazo de execución de oito meses

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 1.682.061,97 euros á UTE Citanias-Gremoba as obras de remodelación da estrada DP-5804, que dá acceso á praia de Santa Cristina, en Oleiros.

As obras suporán a «remodelación integral» desta travesía urbana, mellorando a súa accesibilidade, ampliando as beirarrúas, renovando o alumeado público e o mobiliario urbano e poñendo ao peón como protagonista, cunha maior extensión dedicada á actividade social.Os traballos comezarán o vindeiro mes de marzo e teñen un prazo de execución de oito meses.

Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a súa visita á localidade oleirense, na que estivo acompañado polo alcalde e deputado provincial Ángel García Seoane, o concelleiro de Obras, Antonio Molinos, e o deputado provincial José Ramón Rioboo.

«Por fin temos adxudicada a obra que vai humanizar integramente a avenida de Santa Cristina, unha rúa que esteticamente é dos anos 80, moi transitada na época estival e nas fins de semana e que necesita unha remodelación a fondo», explicou o presidente provincial.

Formoso recalcou que os traballos teñen un importe de preto de 1,7 millóns de euros, «un investimento importante para a Deputación», e incidirán «na mellora da accesibilidade, respectar a vexetación e as árbores, darlles protagonismo aos peóns, delimitando claramente os espazos para os vehículos e para as persoas, renovar o mobiliario urbano, a iluminación e tamén as partes que non se ven dunha rúa, como as drenaxes».

Subliñou tamén que a actuación nesta estrada complétase «coas actuacións que está executando o Concello de Oleiros nas rúas transversais que dan acceso a esta avenida». «Creo que vai quedar lista para os próximos 50 anos», dixo o presidente sobre unha rúa cuxa urbanización databa de finais dos setenta, como recordou o alcalde.

Formoso explicou que a adxudicación culmina «unha tramitación complexa» pola importancia dos traballos e que se lle vai insistir á empresa responsable que trate de executala con axilidade e «causando as menores molestias posibles», dado que se trata dunha zona comercial e hostaleira con moita afluencia de xente.

García Seoane concordou en que se trata dunha actuación «moi esperada» e que dará resposta á necesidade de acometer «unha reforma integral» da vía. «É un bulevar e como tal vai quedar para o goce de todos», afirmou o rexedor de Oleiros.

O alcalde sinalou que se trata dunha zona de ocio moi frecuentada por coruñeses e oleirenses, «cunha afluencia de miles de persoas para gozar dos parques, da praia e de moitos negocios de hostelería para estar coa familia e os amigos». O alcalde sinalou que o Concello está actuando xa na urbanización das rúas Humboldt e Linneo da zona para completar unha actuación que vai a mellorar notablemente todo o entorno.

Reurbanización integral

As obras da Deputación permitirán renovar completamente esta transitada avenida, que na actualidade presenta unha serie de deficiencias, cunha actuación que ten por obxecto reordenala e humanizala, cunha delimitación clara da circulación do tráfico rodado e priorizando a mobilidade peonil.

O proxecto contempla a ampliación das beirarrúas, poñendo ao peón como protagonista cunha maior extensión dedicada á actividade social. Habilitaranse zonas de estancia e puntos de encontro e áreas axardinadas, instalarase novo mobiliario urbano e levaranse a cabo actuacións que redundarán nunha notable mellora estética. Ao mesmo tempo, propiciarán unha redución da velocidade de circulación do tráfico rodado na travesía.

As obras conservarán, ou incrementarán se é posible, as prazas actuais de aparcamento debido á forte demanda de estacionamento na contorna, cun novo deseño máis accesible e estético e integrando na planificación as árbores xa existentes. A vexetación terá un maior protagonismo tras a remodelación.

Deste xeito, os cambios na xeometría actual da rúa contemplan a supresión ou redución no ancho da mediana, para dotar dunha maior sección transversal ás beirarrúas na marxe esquerda.

Tamén se procederá á renovación do alumeado público, plantexando a disposición de novos báculos de iluminación nas marxes en lugar de dispoñelos na mediana.

Por outra banda, renovarase a rede de drenaxe da calzada existente e soterraranse as liñas eléctricas situadas na marxe esquerda. O proxecto prevé a necesidade de renovar os actuais contedores subterráneos de residuos.

Na parte final da rúa, aproveitarase o tramo do carril esquerdo en desuso para xerar unha zona de estancia ampliando a beirarrúa do lado esquerdo, ademais de elevar a cota da calzada xerando un tramo de plataforma compartida na chegada á contorna do paseo marítimo.

Obras do Plan Único

O presidente provincial e o alcalde visitaron despois dúas obras executadas en Oleiros con fondos do Plan Único, como son o acondicionamento da rúa Subiña e o acceso ao novo campo de fútbol de Mera, onde se investiron 393.516,20 euros, e a substitución do céspede artificial do campo de fútbol Eugenio Pardo Conchado, situado na rúa Condús, cun custo de 325.171,25 euros.

Trátase de dúas das 44 actuacións levadas a cabo en Oleiros nos últimos oito anos con cargo aos POS+, que supuxo investimentos no municipio por máis de 11,1 millóns de euros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario