O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, visitou esta mañá o Concello de Rianxo para coñecer os murais do festival municipal de arte urbana, un dos beneficiarios do programa DP0040 da Deputación da Coruña, que destina 149.980 euros a concellos da provincia para a realización de festivais de arte pública urbana na modalidade de pintura mural durante o ano 2024.
As axudas repartiranse entre cinco beneficiarios, deste xeito:
- VII edición do Cromático Mural Fest, do Concello de Cambre: 41.291 €.
- Festival Rexenera Fest 2024, do Concello de Carballo: 43.750 €.
- II Expresa Oleiros Urban Fest, do Concello de Oleiros: 39.265 €.
- XVII Festival de Arte Urbano DesOrdes Creativas, do Concello de Ordes: 36.775 €.
- Concello de Rianxo: 27.400 €.
«Con esta liña de apoio aos festivais de arte urbana, no departamento de Turismo da Deputación da Coruña apostamos por iniciativas que recrean o espazo público e que teñen a creatividade como estratexia». «Falamos», engadiu, «de proxectos xa consolidados e doutros que comezan, pero todos queren dotar de identidade espazos urbanos que perderan parte da súa identidade propia».
Acompañado do alcalde de Rianxo, Julian Bustelo, e parte do equipo da corporación municipal, así como do artista Nove Noel, Regueira visitou os murais da última edición do festival Viladomar e destacou o potencial da arte urbana, «que permite visualizar un produto turístico atractivo e ofrece unha alternativa para dar a coñecer un destino desde outra óptica, alcanzando un determinado tipo de visitante que ata hai poucos anos tiñamos esquecido».
O vicepresidente puxo en valor un aspecto destes festivais que o seu departamento considera fundamental: «Os modelos de Rianxo, Carballo e de Ordes, por exemplo, conseguen rexenerar espazos en decadencia e, a través da arte mural, mellorar a calidade da vida da veciñanza, darlle máis vida e alegría ao espazo público e acabar creando un museo de arte pública ao aire libre; o que, por suposto, tamén ten un atractivo e unha importancia incuestionable para o turismo «.