O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe no Encontro provincial das xornadas de deporte adaptado en centros educativos galegos que organiza a Fundación Enki para escolares e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Tras o primeiro encontro celebrado este luns coa participación de colexios da Coruña e este encontro celebrado hoxe cos colexios da provincia de Pontevedra de CEIP de Ponte Sampaio (Pontevedra), CEIP A Lama (Pontevedra), CEIP Xesús Ferro Couselo (Valga), CEIP Do Foxo (A Estrada) e CEP Doutor Fleming (Vigo), a iniciativa de Enki chegará a Ourense e a Lugo os vindeiros 11 e 13 de marzo.
Lete Lasa destacou esta iniciativa que reforza o traballo da Xunta en prol do deporte adaptado e inclusivo como demostra o Programa Xogade que xunta a oferta deportiva federada e escolar para os rapaces entre 6 e 16 anos e que nesta tempada 2023/2024 leva a cabo a súa edición máis inclusiva con novas actividades como o voleibol sentado e a organización de competicións por equipos como, por exemplo, bádminton ou tenis de mesa, coa finalidade de garantir a participación de todas as persoas incluíndo as que teñan diversidade funcional. O mandatario galego asegurou aos rapaces e rapazas que actividades coma estas transmiten valores tan importantes como “a tolerancia, o respecto, a resiliencia e a capacidade de superación” e lembrou aos máis pequenos que o deporte é “plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas”.
O secretario xeral lembrou que en Toquio 2020 competiron 14 deportistas paralímpicos galegos e dous guías dos que o 87,5% regresaron entre os oito mellores do mundo. Neste sentido asegurou que Galicia está en condicións de mellorar estes datos para París 2024. Ademais, Lete Lasa agradeceu o traballo da Fundación Enki que o pasado ano foi recoñecida co Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.