Luis Menor pon en valor a cooperación institucional na visita ás obras do novo paseo do río Badella, en Bande

por Redacción Ourense

Logo de seis meses de traballos remataron as obras de prolongación do paseo pola marxe do río Badella, en Bande, coa construción dun sendeiro de 800 metros procedéndose tamén á limpeza do cauce e marxes do río. Estas actuacións tiveron un custe de 277.100 euros, sufragados conxuntamente pola Deputación (20%) e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (80%), e que contou tamén coa cesión dos terreos por parte do Concello de Bande.

O presidente provincial, Luis Menor; a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, visitaron esta mañá o remate destes traballos. Menor recalcou que «a cooperación entre administracións é o camiño principal para que a provincia de Ourense medre e avance, como ben podemos ver neste novo paseo do Badella. Esta é a vía que nos piden os veciños».

O presidente provincial destacou que a obra «ten valores medioambientais e de mobilidade sostible e conforman unha realidade en materia de equipamento e servizo que dota de valor ao casco urbano, coa recuperación dunha zona natural non utilizada. A obra está feito con moito gusto e sensibilidade e respecto cara o lugar onde se atopa». De feito, sinalou que «na Deputación teremos sempre a man tendida para colaborar a prol de todo canto supoña que os municipios de Ourense melloren e valoricen o seu potencial». Por último, Menor felicitou á alcaldesa de Bande por acadar «unha obra que os seus veciños merecen e sen dúbida van a desfrutar».

Pola súa banda, a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, sinalou que «hoxe é un día moi feliz para todos os veciños, pois esta senda era algo moi demandado e supuña a ampliación da primeira fase, así como para poñer en valor o entorno natural do río Badella dun xeito máis sostible e saudable», agradecendo á Confederación Hidrográfica e á Deputación pola súa colaboración para lograr esta obra «da que todos en Bande nos sentimos moi orgullosos».

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario