A programación municipal do Día Internacional da Muller segue a desenvolverse na cidade cunha homenaxe a 16 mulleres destacadas das que se amosa a súa biografía en diferentes placas identificativas nos bancos da rúa do Príncipe.
Carmela Silva explicou na presentación que cómpre reivindicar o papel de mulleres como Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Sofía Novoa, Antía Cal, Mercedes Ruibal, Ernestina Otero, Carmen Segurana, Begoña Caamaño, Xela Arias, Berta Cáccamo, Susana Rodríguez Gacio, María Araujo, Xohana Torres, Dorotea Bárcena, María Xosé Queizán e María Antonina Sanjurjo Aranaz.
Para a tenente de alcalde, as mulleres homenaxeadas son “profesionais, artistas, investigadores de tódalas áreas da actividade humana e comprometidas con todas as mulleres, que forman a xenealoxía que precisamos as mulleres para construír o noso propio relato, o da metade do mundo. Son as mulleres que nos constrúen”.
Amais, cualificou esta homenaxe como unha das “accións máis fermosas” da Área de Igualdade e do Consello da Muller porque se trata de “poñer nomes a mulleres, situalas no espazo público, convertelas en protagonistas”.