Boyanka Kostova convídanos a unha ‘Foliada no Inferno’

por Redacción Galicia

O dúo de trap galego baixa ao inframundo co terceiro adianto do seu próximo disco, que se presentará o vindeiro 20 de abril na Sala Capitol

A música tradicional galega e o techno semellan ser xéneros completamente opostos. Pero Boyanka Kostova é capaz de fusionalos no seu novo tema Foliada no Inferno. Con esta canción, Cibrán García e O Chicho do Funk inspíranse, unha vez máis, na música de raíz para levala ao seu extremo máis escuro. Este terceiro sinxelo dálle nome e estética ao seu próximo álbum, que se presentará na Sala Capitol o vindeiro 20 de abril

Sons orgánicos de pandeiretas e gaitas combínanse cos sintetizadores propios do club e de hardbass para consolidar a rave definitiva. A tensión vaise incrementando pouco a pouco a través da base, que acompaña a voz esgazada de Cibrán. Ademais, a letra complementa á perfección unha parte instrumental envolvente e hipnótica, que recorda por momentos a pasaxes de Acid Arab, Tommy Cash ou Russian Village Boys. Foliada no Inferno ilustra o ambiente de esmorga desenfreada que primará no seu sexto álbum de estudio.  

As tradicionais cantigas de escarnio e maldizer cobran vida neste tema tradi-techno. «Á miña casa eu xa non quero que veñas, sempre me tocas as putas ferreñas» ou «Esta noite hai foliada no inferno e facémola os condenados» son algúns dos versos que acompañan esta rave. Nestas letras, os rapeiros beben da lírica popular galega, pero sempre co seu toque persoal. Boyanka Kostova son fieis ao seu propio son mentres van participando en diferentes movementos artísticos. Neste caso, o neotradi do século XXI. Para iso, colaboran cos destacados músicos Manuele Pardo (pandeireta, voces e arpa de boca), Marina Vidal (pandeireta e voces) e David Bellas (gaita).

Xaime Miranda ilustra esta atmosfera nun videoclip inspirado na estética gótica e industrial de finais dos 90 e primeiros dos 2000. Traxes de látex, danzas satánicas e máscaras demoníacas conforman unha peza poderosa e inmersiva chea de imaxes impactantes. Ao tempo, bebe das referencias doutros artistas como NIN, Marylin Manson, Ministry ou The Prodigy.

Noite e misterio dan forma ao universo do novo disco, que sairá á luz este 4 de abril. O dúo de rapeiros galegos xa ofreceu avances do seu sexto proxecto Foliada no Inferno cos temas Fóra da Lei e ItaloFeira. O último lanzamento segue a ofrecer pinceladas do álbum máis ecléctico da súa ampla traxectoria. Será o vindeiro 20 de abril cando Boyanka Kostova leve este escurantismo á Sala Capitol (Santiago de Compostela) para presentar o álbum. As entradas para o evento xa están dispoñibles.

PRÓXIMAS DATAS

· 20/04 · CAPITOL (Santiago) · ENTRADAS

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario