Galicia e a súa relación cos cetáceos nun ensaio naturalista escrito con grande paixón

por Redacción Galicia

O libro de Fernández Naval mestura relato, poesía, caderno de viaxe, diario persoal, entrevista… para profundar na relación existente entre os seres humanos e estes animais mariños tan fascinantes

Mañá xoves, 21 de marzo, o recoñecido escritor e poeta ourensá, Francisco X. Fernández Naval “Chisco”, presenta o seu último libro – Ser cetáceo: o fascinante inverno do animal de fondo- na biblioteca ambiental do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), ubicado nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros). O acto terá lugar ás 19 h.

Ser cetáceo é un ensaio naturalista co mundo dos cétaceos como fío condutor. A grande fascinación e admiración do autor por estes seres mariños levárono a profundar durante décadas a súa relación cos diferentes pobos e culturas do planeta, tamén no territorio galego. Publicado pola editorial Bululú, os seus editores definen a obra como “inclasificable, a recompensa dunha vida adicada ao estudo, que consegue engancharnos e abraiarnos coa súa capacidade de relacionar todo o que nos define como humanos cuns seres tan especiais como son os cetáceos”.

Escrito en primeira persoa, Fernández Naval fainos gozar destes anos de investigacións, das dúas viaxes, da historia (persoal, local e internacional), das industrias e da arte que se crearon arredor dos cetáceos e guíanos por un percorrido polas principais culturas baleeiras, o seu comercio e industria, ou a cultura galega.

Francisco X. Fernández Naval (Ourense 1956). Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación. Poeta e narrador, traballa os variados ámbitos da escrita: novela, relato, poesía, literatura infantil e xuvenil, ensaio, literatura da natureza e de viaxes, teatro, guións de cine e televisión e artigos en publicacións colectivas, xornais e revistas galegas, españolas, portuguesas e americanas.

En 1980, co seu primeiro libro de poemas, A fonte abagañada, gañou o premio de poesía Cidade de Ourense; e en 1988, coa primeira novela, O bosque das antas, recibiu o premio Xerais. Dedicou dous ensaios a análise da figura de Julio Cortázar e a súa relación con Galicia: Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar e O soño galego de Julio Cortázar, o primeiro publicado en castelán en Bos Aires pola editorial Corregidor, o segundo gañador do premio Ánxel Casal do ano 2014.

A novela A noite branca recibiu o premio Irmandade do libro ao mellor libro galego de 2012 e Os contos da avoa Pepa o de mellor libro infantil de 2018.

A entrada é libre ata completar aforo, mais agradécese confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou a través da páxina web da entidade.

Máis información

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario