Ademais da oferta turística, o Concello tamén organiza varias actividades relacionadas coa música e a toponimia en colaboración coa Asociación veciñal de Saa
O Concello da Pobra do Brollón presenta a súa oferta turística e cultural para esta Semana Santa. No eido turístico, baixo o lema ‘Coñece a Ribeira guímara’ ofrécense visitas guiadas e experiencias vitivinícolas na Ribeira Sacra da Pobra do Brollón, concretamente, na parroquia de Vilachá de Salvadur.
Do sábado 23 ao domingo 31 de marzo, os visitantes poden elixir entre dúas visitas guiadas, que se poden combinar con dúas ‘experiencias vitivinícolas’.
Tanto para as visitas guiadas como para as experiencias de viño, é preciso un mínimo de 5 persoas. É necesario ter vehículo propio. Para máis información e reservas, hai que contactar no teléfono 650 624 828, preferentemente por WhatsApp.
Visitas guiadas pola ribeira guímara
Dentro do programa de visitas guiadas, totalmente gratuítas, ofrécese unha ao xacemento arqueolóxico de Os Conventos, un lugar excepcional para entender a evolución histórica da paisaxe da Ribeira Sacra.
Foi en Os Conventos, no marco do proxecto Adegas da Memoria, onde se realizou a primeira datación por Carbono-14 para saber con exactitude científica as orixes das terrazas vinícolas da ribeira.
A outra visita guiada é un ‘paseo entre pataos’, entre as viñas da ribeira do Eivedo, onde os visitantes poderán coñecer a viticultura tradicional, a historia da Ribeira Sacra e lendas da zona.
Experiencias de viño da man de veciñas e veciños
As visitas guiadas son combinables con unha, ou dúas, experiencias vitivinícolas. As experiencias de viño teñen un custo de tres euros por persoa, que inclúe unha cata de viño.
Por un lado, coincidindo co comezo da tempada de furanchos, a experiencia do Furancho O Currio, o primeiro local deste tipo da Ribeira Sacra. Os visitantes poderán tomar un viño de Pedro na súa adega-furancho situado na aldea de Trasmonte.
Por outro lado, a experiencia Val do Frade, unha adega que fai viños con Denominación de Orixe no propio conxunto de adegas tradicionais da Abelaira, en Vilachá. Xunto coa adegueira Puri, os visitantes poden dar un paseo polas adegas medievais e coñecer por dentro unha delas para probar o viño.
Programación cultural de ‘Semana SAAnta’
Ademais da oferta turística, o Concello da Pobra do Brollón en colaboración coa Asociación veciñal de Saa organiza unha programación cultural para o sábado e domingo de Semana Santa.
O sábado 30, haberá presentación do libro A música dos Valladares. Retratos de familia (Ed.Galaxia), do estradense Pablo Bernárdez e con ilustracións de Hortensia Fernández, oriúnda de Saa.
A música dos Valladares recompila textos musicais de distintos estilos e procedencias que pertenceron a varios membros da familia Valladares Núñez (Marcial, Avelina e Serxio) da Casa Grande de Vilancosta, en Berres (A Estrada). O libro recolle máis de cen anos de historia musical a través de textos alusivos á biografía da familia, asociados cada un a unha peza musical e a unha ilustración.
Tras a presentación do libro haberá un concerto de Proxecto Valladares que dará paso á foliada. Ofrecerase aos asistentes un caldo, para o que dende a organización se anima a levar cunca e culler. O evento será a partir das 20:00h no local social de Saa.
O domingo 31, organízase un ‘safari de toponimia’, cun paseo pola parroquia para recoller nomes de lugares e rexistralos na plataforma Galicia Nomeada. O paseo iniciarase ás 11:30 no local social de Saa.