O Partido Popular dá un novo paso no seu modelo de mobilidade para a zona norte de Lugo coa proposta de construír un aparcamento en altura na rúa Castelao.
Esta iniciativa súmase ás intervencións presentadas no mes de maio no barrio da Estación —a pasarela e o ascensor panorámico para conectar a Intermodal coa Muralla—, logo de consultar o proxecto co que o goberno local optaba aos fondos europeos e ao que aportamos melloras en lugares que non contemplaba-
O conxunto de actuacións propostas polo PP (pasarela + ascensor panorámico + aparcadoiro en altura + melloras de accesibilidade en Paradai) poderían financiarse cos fondos do Plan Novo Norte, que reserva 5,2 millóns de euros a proxectos de accesibilidade dentro dun total de 20 millóns destinados á rexeneración urbana.
O contexto é claro: estamos ás portas de saber se Lugo recibirá ou non os fondos do Lugo Norte, e por iso presentamos esta proposta que facilitaría o acceso ao centro e xeraría novas prazas de aparcamento nun punto estratéxico da cidade.
Nesta FASE 2 os populares presentaron un proxecto para facer o aparcamento en altura rúa Castelao detrás do Edificio Administrativo da Xunta. Trátase dunha infraestrutura coa que intentamos solucionar os problemas de estacionamiento que hai na zona. O Plan Xeral permitiría crear arredor de 240 prazas e reservar uns 1.000 metros cadrados para uso público, aínda que existen mecanismos urbanísticos que poderían duplicar o número de prazas.
“Falamos dunha dotación pensada para mellorar a vida cotiá dos lucenses e tamén para atraer actividade ao centro histórico”, explican os populares, que lembran que esta proposta xorde das reunións de escoita activa celebradas co tecido social da cidade, e que foi defendida pola asociación Lugo Monumental. A súa execución tería que facerse sempre co consenso dos propietarios dos terreos.
Este proxecto encádrase na idea global do PP de crear unha rede de aparcadoiros en altura na cidade, presentada en abril de 2024. Ademais das alternativas xa avanzadas na zona de Fontiñas, os populares estudaron localizacións no barrio da Milagrosa, así como en parcelas próximas á rúa Santiago ou a rúa Paxariños.
Nesta FASE 2, o PP tamén propón melloras de accesibilidade no barrio de Paradai, outra petición plantexada nas reunións de escoita activa. Trátase de recuperar a conexión que aportaba unha escaleira que conectaba o Parque do Sagrado Corazón coa Avenida Infanta Elena á altura do barrio Paradai. A súa desaparición debe compensarse cun novo sistema de conexión en altura que garanta a accesibilidade neste punto. As opcións poden pasar pola instalación dun elevador ou pola construcción dunha nova rampa, cun trazado suficiente para acadar unha pendente adecuada e cómoda para os usuarios.