A obra, que se atopa na súa fase final de execución, consiste na instalación dunha nova varanda de madeira de castaño, mellora na sinalización e máis mobiliario urbano
O Concello da Laracha ten na última fase de execución a primeira fase do proxecto de renovación e mellora dos elementos de protección dun tramo do paseo marítimo de Caión, actuación que afecta ao sector do Sendeiro de Saldoiro que comunica a Praza Eduardo Vila Fano co acceso principal á praia das Salseiras.
A iniciativa pretende a posta en valor da fachada marítima da vila cunha intervención que procura o múltiplo obxectivo de mellorar a accesibilidade e a seguridade e, ao mesmo tempo, embelecer e revitalizar o espazo como destino turístico.
Entre as actuacións que se realizan destaca a renovación da varanda de madeira no citado tramo, incluíndo as escaleiras intermedias de baixada aos areais do Caracoleiro e das Salseiras. Estase a facer con material e deseño sostibles, empregando na construción madeira de castaño autóctona, esteticamente axeitada e adaptada á contorna. Tamén se inclúe no proxecto a mellora da sinalización e a instalación de novo mobiliario urbano.
A execución dos traballos estivo supervisada polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira). Precisamente dous técnicos desta entidade pública dependente da Axencia Galega da Industria Forestal, Manuel Cesáreo Touza e Azahara Soilán, acudiron ao lugar das actuacións xunto ao alcalde, José Manuel López Varela, os concelleiros José Ramón Martínez e Pablo Cambón, e representantes da dirección do proxecto. Ademais de destacar a calidade dos materiais e o excelente resultado obtido, destacaron a actuación como exemplo de obra nova que pon en valor as especies frondosas e promociona a madeira na construción.
Esta primeira fase de actuacións está valorada en 88.500 euros e é cofinanciada pola axencia Turismo de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation.