Os deputados populares non entenden que tanto PSOE como BNG se opoñan á creación de emprego na provincia ao rexeitar unha iniciativa de apoio ao proxecto de Altri en Palas de Rei garantindo o cumprimento de toda a normativa medioambiental, técnica e outras que sexan de aplicación, tendo en conta que no 2022 apoiaron tanto no Parlamento de Galicia como na Deputación de Lugo a súa implantación na provincia.
Ameijide sinala que “todos os partidos falamos xeralmente da necesidade de crear emprego e industria na provincia” e “cando temos a oportunidade temos que demostrar ese compromiso real”. Nese sentido, incidiu en que “proxectos coma este, que pode ser transformador para a provincia, pasan unha soa vez na vida política das persoas”.
Dende o PP recordan que o proxecto de Altri “non cambiou” e segue a ser o mesmo que se apoiou por unanimidade hai só dous anos. “Pode que o revés electoral teña moito que ver nesta decisión de PSOE e BNG, tentando rabuñar o que os galegos lles negaron hai un mes nas eleccións autonómicas”, sobre todo “porque durante a campaña sempre se amosaron a favor da chegada de Altri a Palas”. E, “agora cambian a postura intentando boicotear a creación de emprego e o futuro da provincia”, subliñou.
O portavoz popular subliñou que “a auga que empregue a planta sería depurada e devolveríase ao río máis arriba: algo moi similar ao sistema de calquera depuradora de calquera cidade”. Así mesmo, Ameijide matizou que “nós seremos os primeiros que esixamos que se cumpra integramente toda a lexislación ambiental e que se xa de cumprimento para unha industria destas características”.
CESIÓN DO PAZO DE TOR AO CRAEGA
O Grupo Provincial Popular propoñía que a Deputación Provincial de Lugo cedera as instalacións sen uso do Pazo de Tor e a finca de preto de 200 hectáreas que están sen producir ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) para tratar de evitar que a súa sede principal marche de Monforte e, polo tanto, da zona sur da provincia onde residen os 20 empregados; pero PSOE e BNG votaron en contra.
O deputado Luis Fernández Guitián lembrou que “o CRAEGA se asentou en Monforte cun alcalde do Partido Popular e a inacción dun alcalde do PSOE vaino deixar marchar”. Nese sentido, apelou aos representantes da zona sur a “facer o posible por gañar o partido” demostrando que “os da zona sur non somos de segunda”.
PLAN DEPUTACIÓN
Dende o Grupo Provincial Popular explican que “apoiamos o Plan Deputación por responsabilidade” pese a que “non compartimos esta proposta”. Os populares sinalan que “é mellor ter un mal plan que non ter ningún” de aí que “a nosa responsabilidade lévamos a apoialo aínda que o reparto é totalmente inxusto”.
Antonio Ameijide recorda que o Plan Deputación de PSOE e BNG conxela ou baixa os cartos que se achegan a 62 concellos da provincia, mentres que so lle sube aos cinco con máis recursos.
O voceiro popular cualificou de “trilero” a José Tomé porque, pese a que presume do Plan Deputación, a realidade é que “cada venres reparte os cartos que precisan todos os concellos, pero unicamente entre os seus afíns, aqueles amiguetes aos que, en 2023 deu case 15M€ en 93 convenios asinados exclusivamente con municipios gobernados por PSOE e BNG”.
José Tomé, o PSOE e o BNG “converteron o xusto en inxusto” e os populares recordan a súa proposta de subir nun 30% o Plan Deputación “aínda que o realmente xusto sería destinar ao plan todos os millóns de euros que Tomé reparte entre os seus amiguetes cada venres en xunta de goberno” porque “deste xeito todos os concellos terían as mesmas oportunidades de obter fondos necesarios para actuacións nos seus municipios”.
TRIBUNAL DE RECURSOS CONTRACTUAIS
Os deputados populares dixeron por terceira vez que non ao Tribunal administrativo de recursos contractuais da Deputación de Lugo porque “xa existe o Tacgal que resolve nunha media de 14 días e o número de recursos presentados pola Deputación -nin media ducia en dous anos- tampouco lexitima a creación cun tribunal propio”.
Ameijide cre que “é un chiringuito de PSOE e BNG”. É máis, “a este goberno non lle vale o que lle vale a toda Galicia” porque “queren pechar o círculo da contratación nesta Deputación despois de nomear xefa do servizo a unha funcionaria interina que é ex funcionaria socialista”.
Sobre o nomeamento dos membros, o popular sinalou que “non houbo transparencia: foron nomeados a dedo”. Ademais, “entre a súa extensa traxectoria non hai cercanía co dereito administrativo ou en materia de contratación pública” e, incluso, o goberno provincial incumpre o regulamento porque “non nomearon suplentes”.