O PSdeG-PSOE de Chantada presentará unha moción no vindeiro pleno municipal na que se pide ó equipo de goberno que inicie os trámites perante a Xunta de Galicia para que a Muiñeira de Chantada sexa declarada Ben de Interese Cultural Inmaterial.
A Muiñeira de Chantada é a obra musical que mellor identifica a Galicia e mesmo se podería calificar coma “himno non oficial do país”. Ademais, é unha obra que distintos artistas foron adaptando ós seus estilos e épocas, dende xéneros clásicos ata a electrónica ou o rap; demostrando a súa versatilidade.
En definitiva, esta peza é un símbolo representativo e identificativo para o pobo galego e do que os chantadinos e chantadinas nos sentimos especialmente orgullosos. “Leva o nome de Chantada alén das nosas fronteiras, a música coa que rematamos todas as festas ou incluso eventos deportivos; e que tarareamos en calquera lugar”, afirman os socialistas. Todo isto demostra que o valor da muiñeira conta cun valor non só musical, senón tamén cultural e antropolóxico, motivos, xunto a outros, polos que os socialistas pedirán no pleno que se inicen os trámites para solicitar o recoñecemento desta peza como Ben de Interese Cultural Inmaterial ou mesmo de outros recoñecementos similares.
Na moción, dende o PSOE de Chantada piden tamén que como forma de posta en valor da Muiñeira de Chantada, dende o Concello se promovan actividades parellas a esta peza “como un festival anual de baile e música tradicional galega na honra da nosa muiñeira; de maneira que Chantada se convirta na capital desta composición musical tradicional e danza senlleira da nosa cultura”.