UDC, Deputación da Coruña e Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia reúnense para fomentar o emprendemento no Pazo de Arenaza

O director de Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC), Miguel Abelleira Doldán, reuniuse hoxe no Pazo de Arenaza (Oleiros) con representantes da Deputación da Coruña co obxectivo de marcar as bases da prórroga do convenio de colaboración existente entre a UDC e a administración provincial  en materia de fomento do emprendemento no coworking do dito Pazo.

A reunión contou coa asistencia de Luísa Lista Ameneiro, coordinadora do Plan de Emprego Local da Deputación de Coruña; Sofía Sanesteban Beceiro, técnica de xestión de proxectos do Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña; Juan Diego Pereiro Areán, xestor do coworking do Pazo de Arenaza, Ruth Varela Rodríguez, presidenta da Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e Ricardo Sánchez Lampreave, subdirector de Cultura da ETSAC.

A ETSAC e a Deputación da Coruña asinaron no ano 2023 un convenio, dun ano de duración e prorrogable ata catro anos, segundo o cal ambas as dúas entidades comprometíanse a desenvolver actividades que impulsasen a actividade emprendedora no sector da arquitectura.

A ETSAC conta así cun espazo reservado e de acceso preferente no coworking do Pazo para estudantes do Máster habilitante de Arquitectura e persoas graduadas na Escola que desexen iniciar un proxecto empresarial. Este proxecto debe estar en fase de preincubación e ser previamente seleccionado por unha comisión, formada por persoal da ETSAC e o equipo xestor do coworking. O prazo para desenvolver o proxecto será de 12 meses de duración, podendo ampliado ata 18 meses. Durante a reunión presentáronse tamén para o seu estudo diversas propostas de actuacións a desenvolver no marco do convenio para o fomento da actividade emprendedora no eido na arquitectura.

Comparte éste artículo
No hay comentarios