A Deputación destina preto de 130.000 euros á mellora do Centro de Formación e Emprego Violetas de Cáritas do Barrio das Flores da Coruña

Valentín González Formoso e Pilar Farjas Abadía asinaron o convenio para financiar obras de reforma e mellora do illamento témico do centro coruñés, que atende persoas en situación ou risco de exclusión social.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas Abadía, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a institución provincial achegará 129.975,19 euros para financiar distintas obras de reforma e mellora do illamento térmico do Centro de Formación e Emprego Violetas, situado no barrio das Flores da Coruña.

A actuación conta cun orzamento de 162.468,99 euros, do que a Deputación financiará o 80 %, e permitirá mellorar as condicións nas que se desenvolven os cursos e os servizos de orientación e acompañamento laboral destinados a persoas en situación ou risco de exclusión social. 

As ventás actuais do centro presentan un deterioro considerable, con problemas de peche, filtracións de auga e entradas de aire que provocan perdas de calor e dificultan manter unha temperatura axeitada nas instalacións. A súa substitución mellorará o illamento térmico e acústico do edificio, reducirá as necesidades de calefacción e proporcionará espazos máis confortables para o alumnado, o persoal e o voluntariado.

O proxecto prevé instalar nas tres plantas do edificio novas carpintarías de aluminio con rotura de ponte térmica e mellorar os sistemas de apertura. Os traballos inclúen tamén a renovación de elementos de evacuación da auga das ventás e o acondicionamento das reixas de seguridade da planta baixa.

O Centro Violetas combina a formación para o emprego coa orientación laboral e o acompañamento personalizado na procura dun posto de traballo. A el acoden persoas da Coruña e doutros concellos da provincia, entre eles Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo, Sada e A Laracha.

Desde o inicio da súa actividade, en 1993, o centro atendeu preto de 20.000 persoas e desenvolveu máis de 500 accións formativas. Entre 2019 e 2024, un total de 1.272 persoas participaron nos seus cursos. A súa oferta adáptase ás necesidades do tecido empresarial da comarca e abrangue ámbitos como a atención sociosanitaria, a hostalaría, a limpeza, a loxística, o comercio ou as competencias dixitais. A Deputación colabora tamén con Cáritas nalgunhas destas actuacións a través das liñas de subvencións a entidades sociais da provincia.

Ademais da formación, Violetas dispón dunha axencia de colocación, promove prácticas en empresas e ofrece obradoiros para preparar currículos, afrontar entrevistas e mellorar a procura de emprego. Con este convenio, a Deputación contribúe a mellorar as instalacións desde as que Cáritas desenvolve este labor de inclusión sociolaboral.

Comparte éste artículo
No hay comentarios