PSdeG: «PP e VOX vetan en Bruxelas a apertura dunha investigación polas denuncias de manipulación na CRTVG» 

por 21 Noticias

O eurodeputado galego do PSdeG Nicolás González Casares trasladoulle onte aos representantes dos traballadores da CRTVG o seu apoio diante das denuncias de manipulación no ente. Así o dixo no debate dunha petición de investigación pola falla de transparencia e acoso á plantilla que tivo lugar na Comisión de Peticións da Eurocámara e que non prosperou polo voto en contra de PP e Vox.

González Casares mantivo un encontro cos representantes do Comité Intercentros da CRTVG na sede do Parlamento Europeo logo do debate, e se comprometeu a continuar trasladando á Eurocámara a petición de investigación por falla de transparencia e acoso á plantilla do medio.

O europarlamentario lamentou o veto de PP e Vox á petición de investigación debatida na Comisión de Peticións que se celebrou hoxe no Parlamento Europeo, logo de que o Comité Intercentros presentara a súa denuncia diante da Cámara. Lembraron os atropelos vividos polo persoal durante estes últimos anos e a manipulación dos informativos e da programación en favor dos intereses políticos do PP.

Nicolás González Casares puntualizou que os feitos denunciados “vulneran a lexislación europea e ademais atentan contra o dereito a información e contra a dignidade dos profesionais do medio público galego”. Lembrou que mesmo na recente campaña electoral “ata a Xunta Electoral de Galicia afirmou que se lle restaba tempo ao debate político na campaña electoral favorecendo os intereses do PP”.

Tamén apelou a que “a manipulación da tele galega é ben coñecida desde a época de Feijóo e agora  tamén con Rueda”, e reclamou que “dunha vez por todas sexa escoitada a voz dos profesionais que se rebelan contra a manipulación dos medios”.

A denuncia non prosperou pola maioría ponderada empregada “de xeito interesado”, dixo, pola unión dos votos dos representantes de PP e Vox, demostrando unha vez máis o uso interesado e pouco democrático da Comisión. Criticou que o presidente da Comisión, do PP, impedira a participación de tódolos deputados presentes na sala favorables á petición facendo caso omiso da norma que habilita o voto sen ponderación.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario