Salientou o “esforzo diario” que realizan os profesionais do deporte e asegurou que os seus éxitos “serán os de todos”
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel dos deportistas paralímpicos coma “embaixadores de Galicia e España a ollos do mundo”. “Os vosos éxitos serán os éxitos de todos”, indicou durante a presentación na Cidade da Cultura dos 21 deportistas galegos que foron preseleccionados polo Comité Paralímpico español para os Xogos Olímpicos de París 2024
No acto, no que estivo acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, Rueda desexoulles moita sorte, esperando que todos resulten clasificados o vindeiro 15 de xullo, data na que se publicara a listaxe definitiva que sairá dos máis de 250 candidatos de toda España.
Entre os escollidos polo Comité figuran nomes destacados como a atleta de triatlón Susana Rodríguez Gacio ou o tirador Javier Saavedra, ambos xa olímpicos e que estiveron presentes esta mañá contando a súa experiencia.
Rueda destacou “o esforzo diario” que realizan os deportistas galegos, dos que, asegurou, “todos estamos moi orgullosos”. Neste sentido, comprometeu o apoio da Xunta para seguir fomentando a práctica deportiva e facilitando a permanencia no seu máis alto nivel.
O titular do Goberno galego en funcións lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en dar as mesmas bolsas aos deportistas de alto nivel –con ou sen discapacidade– e que este ano o deporte galego conta co orzamento máis alto da historia, 56 millóns de fondos autonómicos. Ademais, a Xunta conta co programa Xogade que promove entre os máis cativos a competición inclusiva en modalidades como o bádminton, a natación, ou o tenis de mesa.
Ademais, Galicia conta co maior número de licenzas federativas dos últimos tempos, 309.000, das cales 1.200 corresponden a atletas con discapacidade.