Os deputados populares advirten da estratexia do presidente da Deputación de colocar afíns en todas as entidades locais que poida para controlar todos os procesos posibles, isto apréciase claramente coa lista de admitidos ao proceso para cubrir unha vacante de secretario-interventor en Antas, xa que dous dos tres admitidos teñen conexión directa con Tomé
“Cando pensabamos que PSOE e BNG non nos podería sorprender máis coas súas cacicadas, sempre ten un as na manga”. Antonio Ameijide amósase sorprendido tras ver a lista de admitidos no proceso selectivo de persoal interino para o desempeño de posto de secretaría-intervención no Concello de Antas de Ulla, no que é alcaldesa Pilar García Porto.
Unha vez publicadas as listas provisionais de admitidos unicamente hai tres aspirantes que cumpriron os requisitos esixidos polo Concello de Antas de Ulla para cubrir ese posto e “cando menos é curioso, por non dicir sospeitoso” ver como un dos aspirantes que superaron o corte é o xefe de gabinete de José Tomé na Deputación de Lugo.
“Non sabemos se é casualidade ou non, pero todo apunta a que o presidente da Deputación tenta crear unha rede de afíns nas entidades locais colocando nun posto de funcionario a súa persoa de máxima confianza”, sinalou, ao que engade que “chegamos a esta situación despois de que o irmán do xefe de gabinete de Tomé tamén optase a un contrato da Deputación valorado nun millón de €, sendo ambos fillos dunha concelleira socialista en Monforte de Lemos”.
Se na resolución deste contrato temiamos que dende o goberno provincial teledirixisen a resolución do mesmo á oferta realizada polo irmán do xefe de gabinete de Tomé, “neste caso coincidimos en que todo apunta a que o presidente da Deputación tenta colocar a esta persoa dentro do Concello de Antas de Ulla”.
Por iso mesmo, desde o PP vixiaremos este proceso selectivo no que esiximos “luces e taquígrafos” ante un caso no que a “ética política” queda totalmente danada e pedimos a Tomé e a Pilar García Porto “rigor e seriedade” ante os involucrados no proceso.
Ademais, para os populares tamén resulta curioso que outra das aspirantes admitidas traballase tamén durante varios anos como secretaria accidental no Concello de Monforte de Lemos con José Tomé como alcalde. “Xa o diciamos antes, que non cremos nas casualidades e, neste caso, hai demasiados indicios de que Tomé e Pilar García Porto están tentando colocar a súa xente de confianza”, sinalaron.
Axencia de colocación
Dende o Grupo Provincial Popular denuncian, unha vez máis, que dende o PSOE e o BNG entenden as administracións públicas como “axencias de colocación”. Hai poucas semanas xa desvelamos como designaron a Sonia Méndez, funcionaria interina, como xefa do servizo de contratación da Deputación de Lugo, por diante de outros aspirantes cun posto de funcionario en propiedade e con moitos máis anos de experiencia.
Outro exemplo máis é o Tribunal Administrativo que PSOE e BNG aprobaron en pleno, co voto en contra do PP. Tanto socialistas como nacionalistas elixiron a tres persoas para dirixir este tribunal, tres profesionais de ampla experiencia profesional pero que, curiosamente, “non contaban con ningún tipo de experiencia en dereito contractual nas administracións públicas”.
“Xa o dixemos no seu momento, o que fixeron PSOE e BNG foi pechar o círculo da contratación na Deputación de Lugo para poder facer e desfacer ao seu antollo”, denunciaron.