O Ineltrón Santo Domingo suma a segunda derrota consecutiva

por Redacción Deportes

Os betanceiros non son quen de plantar cara ao Rosalía: 78-64 para os composteláns

Comparecía no Instituto Rosalía de Castro o Ineltrón Santo Domingo co recordo da primeira derrota en 20 xornadas de liga e, no canto de conxurarse para que as cousas non se volvesen repetir, o equipo de Doc deixouse levar polo medo e a piques estivo de perder o average co rival (+20 na ida). Fose pola calor terrible da tarde compostelá, for polas lesións, for pola estreita defensa a Rozas durante todo o partido, o certo é que, a pesar do esforzo de Abelleira (21 puntos), os betanceiros foron atrás durante todo o partido (agás un 11-12 nos primeiros compases) e nin sequera coa aproximación a cinco ao final do 3Q deron sensación de poder remontar. Volveu fallar o tiro exterior (3 de 12) pero, sobre todo, a capacidade de reacción perante as circunstancias adversas. Parece que un equipo habituado a gañar non é quen de xestionar un partido a remolque e iso, ás alturas de competición en que nos atopamos, con encontros cada vez máis competidos, é un problema que debe solucionarse canto antes. O Santo Domingo conserva aínda así o liderado, pero xa non quedan máis balas na recámara: un novo despiste pode traer consigo a perda dunha posición de privilexio que non se deixou dende outubro. Próxima cita na casa contra o CB Allariz o vindeiro domingo.

Institutos de Compostela Xunta de Galicia 78: Luis García Ortiz 2, Sergio Valdés 5, Carlos Valdés 4, Iago Fernández, Jose Olloqui, Carlos Gil 23, Pablo de Valenzuela 3, Javier Prieto 16, Jacobo Paz 2, Jorge Fernández 2, Raul Campuzano 4, Antón Soto 17.

Ineltrón Santo Domingo Betanzos 64: Abelleira 21, sanjurjo 9, Dani Cayado 2, Jorge Cayado 3, Dani Martín, Luis Portilla 6, Latas, Rozas 7, Ernest, Brezo 10, Pepe Moreno 6.

Os sénior de La Goleta gañan a liga Coruña-Ferrol-Lugo e xogarán a Fase de Ascenso a Segunda

Pero non todo van ser malas noticias na casa do Santo Domingo Betanzos. Os sénior de La Goleta conseguiron proclamarse campións da liga Coruña-Ferrol-Lugo, logo de gañar en semifinais ao Sagrado Corazón de Lugo e na Final a Adfro, e volverán disputar un ano máis o ascenso a Segunda División, categoría na que, por certo, o equipo B conseguiu a segunda vitoria da temporada ao impoñerse ao Congalsa Basket Pobra por 54-46. Gañaron tamén os júnior cun incontestable 121-31 ao Basquet Coruña, as cadetes feminino ao mesmo club por 43-85 e os infantís de Primeira (61-67 a Seis do Nadal e 86-45 a Burela). Os preinfantís, nun durísimo e controvertido partido, cun 4Q no que encaixaron 27 puntos, perderon contra Galogrín 59-47 no primeiro encontro da nova fase desta liga galega.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario