Un total de 671 persoas participaron este domingo na segunda edición da Carreira Solidaria Costa Ártabra, organizada polo Comité Antisida da Coruña (CASCO) e a oenegué oleirense Box Fit, coa colaboración do Concello da Coruña e o Concello de Oleiros, municipios polos que pasou a proba.
A xornada deportiva arrancou ás 09.30 horas na localidade oleirense de Santa Cruz, coa posta en marcha da carreira en categoría absoluta. Foron dez quilómetros de percorrido entre Oleiros e A Coruña, pasando pola ponte da Pasaxe e, xa a continuación, polas avenidas do Exército, Linares Rivas e do Porto, con meta no paseo do Parrote.
Víctor Puyuelo, Álvaro Presedo e Nuno Moure foron os gañadores da proba absoluta, cuns tempos de 32.07 e 32.24 e 32.31, respectivamente.
Ademais da proba en categoría absoluta tamén houbo un segundo percorrido, dunha milla, ideado para as e aos participantes en categorías sub-12, sub-14, sub-16 e sub-18. Comezou xa ás 11.30 horas, cun traxecto específico polo Parrote e a dársena da Mariña.A
Os irmáns López Cascallar participantes na carreira
A concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participaron no acto de entrega de premios aos vencedores da proba. Neira destacou “o impacto positivo que ten o desenvolvemento da Costa Ártabra á hora de darlle visibilidade á loita contra o VIH, poñendo sobre a mesa a importancia do deporte como unha ferramenta de inclusión social”, e puxo en valor “a perspectiva coa que se creou esta carreira, en clave de solidariedade e igualdade”. Neste sentido, na proba tamén participaron deportistas con discapacidade.
Ademais, o concelleiro Manuel Vázquez amosou “o compromiso do Goberno de Inés Rey para dar continuidade nos vindeiros anos á carreira solidaria Costa Ártabra”, que nesta segunda edición contou coa participación de atletas pertencentes a clubs da Coruña e a súa área metropolitana, así como tamén da comarca de Ferrolterra.