Raquel Arias: «Tomé négase a solicitar axuda á Xunta para crear en Monforte unha Unidade de Atención Temperá»

A deputada autonómica pola provincia de Lugo, Raquel Arias, lamenta que o Concello de Monforte de Lemos “se negue” a pedir a axuda da Xunta de Galicia para crear unha Unidade de Atención Temperá nesta localidade da Ribeira Sacra, sendo, en consecuencia, o único municipio da comarca sen este servizo e provocando, con elo, que moitas familias se vexan obrigadas a ir a outras localidades limítrofes para poder beneficiarse deste servizo que o Goberno autonómico pon a disposición das entidades locais.

Para a popular resulta “inxustificable” que o rexedor socialista ignore as 1.000 sinaturas que demandan a creación de servizo que, ademais, da prestación que ofrece, está sufragado polo Goberno de Alfonso Rueda, a través da consellería de Política Social e Igualdade.

“No podemos entender como un alcalde pode renunciar este tipo de axudas que van destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas. O Sr. Tomé nin pensa nos monfortinos, nin lle interesa facelo. Estanllo pedindo e mira para outro. A Xunta ofrécello e mira para outro lado. Dende o Grupo Parlamentario Popular lamentamos que o alcalde de Monforte teña tan pouca sensibilidade e vontade política”.

INICIATIVA PARLAMENTARIA

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada polo Grupo Socialista, a través da que se solicita á Xunta que siga estendendo a Rede de unidades de atención temperá  para que chegue a máis concellos, co fin de seguir incrementando a presencia territorial das unidades, de evitar gastos e desprazamentos ás familias, e de reducir a lista de agarda.

Raquel Arias explicou que a atención temperá é o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, e tamén ás súas familias e á súa contorna, para dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

“Non ano 2009, cando o PPdeG chegou ao Goberno da Xunta, en Galicia só existían dúas unidades de atención temperá, que daban cobertura a 15 vilas galegas e 160 nenos”, lembrou a deputada popular, quen apuntou que “hoxe son 46 as unidades espalladas por toda a Comunidade galega, que dan servizo a 200 concellos e atenden a máis de 4.000 nenos”. “Todos os concellos que solicitaron a creación dunha unidade de atención temperá obtiveron a axuda da Xunta, que aporta a totalidade do custo das horas do servizo”, destacou.

ATENDER A TOTALIDADE E PRETO DE ONDE VIVE

Porén, Raquel Arias afirmou que “mentres non estean atendidos o cento por cento dos nenos con necesidades específicas e o estean, ademais, preto de onde viven, non nos conformaremos”.

A Xunta de Galicia dedica este ano máis de 8 millóns de euros a consolidar a Rede Galega de Atención Temperá, o que supón un 60 por cento máis que en 2023. “As familias galegas contan hoxe con máis facilidades que nunca para acceder aos servizos de atención temperá e facelo preto das súas casas, o que ademais fomenta a igualdade entre todos os galegos, independentemente de onde veñan”, dixo Raquel Arias.

Para rematar, a deputada popular subliñou que “mentres en Galicia Alfonso Rueda cumpre os seus compromisos, o Goberno de Pedro Sánchez, co beneplácito do BNG, incumpre a lei e nega aos galegos o 50 por cento dos custos da Lei de dependencia, o que supón 2.500 millóns de euros cada ano”. “Son cartos dos dependentes galegos       cos que se queda o Goberno central, mentres os socialistas e os nacionalistas galegos calan, pero que desde o PPdeG imos seguir demandando para continuar mellorando a vida dos galegos e galegas”, manifestou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios