O 10-0 inicial non auguraba un partido tranquilo e, as cousas como son, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos tivo que espelirse para sacudir derriba o ritmo dos últimos partidos e volver facer o baloncesto que lle levou a sumar 19 vitorias consecutivas. Se Will conseguía os dous primeiros puntos dos betanceiros dende os tiros libres (10-2) era Rozas quen anotaba a última canastra do Santo nun período que rematou 22-12. Moito que mellorar aínda, pero as instrucións de Doc do “tempo entre tempos” deberon ser precisas, que os das Mariñas deron a volta á cousa cun parcial de 8-20 para conseguir marchar ao descanso en vantaxe (30-32) con bos minutos de Rozas, Will e Sanjurjo. A partir de aí, e malia tímidos intentos de acurtar distancias, os betanceiros non deixaron o mando do partido e foron xestionando a vantaxe ata ese 57-70 final que, á marxe de supor a práctica clasificación para a Final a Catro, certifica a mellora de xogo dos últimos partidos. Gran partido de Rozas, unha vez máis (19 puntos), ben secundado polo tándem Will- Abelleira, e un Sanjurjo que retomou a racha anotadora de Brezo nos últimos encontros (12). A falta de Dani Martín fíxose notar no acerto exterior (9/33), pero unha das claves dunha temporada é sumar a pesar das baixas. Próxima parada Vilagarcía, sábado día 4.
As cadetes quedan quintas, os júnior xogarán o ascenso e os Infantís, aprevia á Fase Final.
Polo que toca ao resto de categorías cabe destacar a vitoria das cadetes de Jose Ríos 33-48 fronte a Culleredo B, o que supón acadar un meritorio 5ºposto na liga Coruña-Ferrol, a clasificación dos júnior de Codesido para a Fase de Ascenso a Primeira División e a dobre vitoria dos infantís de Primeira fronte aos equipos vigueses de Novobasket e Seis do Nadal, que garante, a falta de 3 partidos, o terceiro posto na liga, mínimo, e a participación nos cruces previos á fase final da categoría. Tamén gañaron as infas e La Goleta, imparables na Fase de Ascenso a Segunda División.