Os socialistas galegos, Nicolás González Casares, Lorena Guerra Vigo e Elba Veleiro Fernández ás europeas 

por Redacción Galicia

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou hoxe a inclusión de Nicolás González Casares no número 11 da candidatura coa que o PSOE vai concorrer ás eleccións ao Parlamento Europeo do vindeiro 9 de xuño. Besteiro considera que o partido “dálle así continuidade ao gran traballo desenvolvido polo compañeiro Nico os pasados cinco anos”, o que supón “unha gran nova para Galicia”.

A Comisión Federal de Listas pechou esta mesma tarde a candidatura do PSOE, na que tamén figuran a ourensana Lorena Guerra Vigo, no número 38, e a exalcaldesa de Vilalba Elba Veleiro Fernández, no 50. A situación do lalinense González Casares nun posto destacado “vai garantir que o PSdeG siga contando cun extraordinario eurodeputado, cunha enorme capacidade de traballo e con gran coñecemento de asuntos cruciais para a nosa comunidade”, asegurou Besteiro antes de felicitar ao candidato e animalo a que, de cara á nova lexislatura, siga “pendente, coma sempre, dos intereses de Galicia en Bruxelas”.

González Casares manifestou, pola súa banda, o seu agradecemento pola confianza que as compañeiras e os compañeiros depositaron nel “para seguir defendendo os vindeiros cinco anos os valores socialistas no Parlamento Europeo”.

“O Partido Socialista é o partido que máis defende a Galicia en Europa”, asegurou antes de comprometerse a que levará a voz das galegas e dos galegos ao Europarlamento “para que se fale dos problemas da comunidade, como o mar, a industria ou o agro”, pero que tamén apoiará “as políticas europeas que aportan solucións”, moitas das cales se desenvolveron nos últimos anos “grazas aos socialistas”.

Durante a lexislatura que remata, a novena, Nicolás González Casares foi membro, entre outras, da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía, da Comisión Especial sobre a Loita contra o Cancro e da Subcomisión de Saúde Pública.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario