Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Sindicato Labrego Galego e a plataforma Ulloa Viva envían unha carta ao ministro alertando das afectacións da planta e pedíndolle que presione para que se lle neguen cartos públicos
A economía da comarca da Ulloa está baseada principalmente na agricultura e gandaría, sector primario ao que afectaría gravemente a implantación na zona dunha nova fábrica de produción de celulosa, a promovida por Altri-Greenfiber S.L. Emporiso, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Ulloa Viva trasladaron por carta ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas Puchades, a súa preocupación ante a posibilidade de que se lle concedan fondos públicos a este proxecto tan destrutivo.
A propia empresa, firmemente apoiada pola Xunta de Galicia, manifestou que necesita optar cando menos a un cuarto do seu investimento previsto de cartos públicos –uns 250 millóns de euros dos 900 que di investirá–, para comezar a construír as súas instalacións, centrando actualmente as súas miradas nos fondos Next Generation e o PERTE de descarbonización. Xunto á carta, engadiron un informe que repasa as principais afectacións que provocaría ese proxecto industrial no corazón do rural galego.
Despois de estudar a documentación presentada pola compañía lusa na Xunta de Galicia –solicitude de concesión de captación de augas do río Ulla, autorización ambiental integrada, estudo de impacto ambiental e declaración de utilidade pública–, as organizacións asinantes da carta manifestáronlle ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación a súa firme oposición ao proxecto polos enormes impactos socioambientais que se producirán no xa moi castigado medio rural e ao sector agroalimentario, gandeiro e pesqueiro de Galicia. Asemade, chaman a atención sobre o irracional que sería conceder fondos públicos a unha actividade tan destrutiva co medio ambiente e os sectores primarios galegos.
Entre os moitos impactos negativos que detectan, alertan sobre a localización da enorme instalación, unhas de 360 hectáreas, aproximadamente dez veces o tamaño de Ence en Pontevedra. Segundo as organizacións o proxecto afecta directamente á rede Natura (Serra do Careón, Sistema Fluvial Ulla-Deza, desembocadura do Ulla e Parque Nacional das Illas Atlánticas en Cortegada) e mesmo aos propios proxectos de ampliación da rede Natura da Xunta de Galicia. Tamén informan ao ministro que a zona alberga varios raros endemismos botánicos en perigo de extinción e moitas especies que deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat segundo a Directiva 2009/147/CE da UE, que Galicia debe cumprir.
Mais sobre todo inciden na importancia do sector primario tanto na Ulloa coma na ría de Arousa e por iso piden a intervención do ministro Planas. Afirman, que A Ulloa non é, como queren facer ver, unha comarca nin atrasada, nin baleirada, nin empobrecida. De feito, conta cun sector primario que dá traballo ao 22% dos seus habitantes –21,83% Agolada; 24,85% Palas de Rei; 29,87 % Santiso–, moi por riba da media galega, que está no 6,3%. Conta tamén con numerosas explotacións de vangarda, innovadoras, ecolóxicas e moitas explotacións de Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas, entre elas a D.O.P Arzúa-Ulloa, a segunda das D.O.P. de queixos que máis vende en España. Tamén alertan ao ministro sobre os impactos que podería ter para a pesca artesanal e o sector marisqueiro galego a ría de Arousa, a máis produtiva, pero tamén máis ameazada, do país.
Asemade, tamén inciden en que Galicia non pode soportar outra industria que reverta nunha maior eucaliptización do territorio. Numerosos estudos científicos demostraron que a esaxerada proliferación destes monocultivos no noroeste peninsular está directamente relacionada coa perda de biodiversidade, a deficiente integridade ecolóxica, a inflamabilidade da paisaxe e mesmo coas limitacións á hora de mitigar o cambio climático. E tamén é común a forestación de terras agrarias para favorecer este cultivo, algo gravísimo atendendo á escasa Superficie Agraria Útil (SAU) galega. De feito, as cinco organizacións alertan ao ministro de que «atentar ambientalmente contra esta comarca sería un golpe definitivo á produción agrogandeira galega, pois como saberá, Galicia ten a SAU (21%) máis baixa do Estado Español (45,8%), polo que non nos podemos permitir poñela en perigo«.
Para Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Sindicato Labrego Galego e a plataforma Ulloa Viva sería moi difícil de explicar a incoherencia de destinar fondos de recuperación, transformación e resiliencia a un proxecto que non parece cumprir en absoluto o Principio DNS (Do Non Significant Harm) no que afecta a cuestións como a «protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas» e o «uso sostible e a protección dos recursos hídricos e mariños», entre outras, e piden ao ministro que mova os resortes que teña á súa disposición para evitar esta catástrofe.