A alcaldesa, Inés Rey, avanzou que nos próximos meses abrirá tamén ao tráfico entre os dous barrios o novo paso en U, así como unha senda peonil e ciclista sobre a vía férrea
A alcaldesa, Inés Rey, acudiu hoxe á barrio de Xuxán a supervisar a apertura do acceso peonil e ciclista habilitado no paso en U que conecta Xuxán e Matogrande, «o que simboliza a tan agardada unión dos dous barrios». Desde este xoves, esta nova conexión permite ás veciñas e veciños pasar, ben a pé ou en bicicleta, desde a gran praza central de Xuxán á rúa Juan Díaz Porlier, en Matogrande, e viceversa.
A construción do paso en ‘U’, que encara xa a súa recta final, é unha das principais actuacións urbanísticas impulsadas polo Goberno municipal co obxectivo de unir Xuxán e Matogrande. Neste sentido, como xa detallou con anterioridade, o paso en ‘U’ está estruturado en dous brazos simétricos que conforman dous pasos xemelgos que, partindo desde Matogrande e por riba da vía férrea, están unidos á calzada do sector setentrional do barrio de Xuxán.
A día de hoxe, a estrutura do paso en ‘U’ xa está executada na súa totalidade, mais o Concello segue a traballar nas obras de disposición do firme nos carrís destinados ao tráfico rodado. A este respecto, antes de que se habilite o paso de vehículos será necesario facer, previamente, probas de carga. Rey indicou que nos próximos meses abrirá tamén ao tráfico o novo paso. Para que isto sexa así será fundamental que as condicións meteorolóxicas das vindeiras semanas sexan favorables, para completar os traballos de pavimentado sen paradas.
O acceso peonil e ciclista, habilitado exclusivamente na vía leste do paso en ‘U’
O acceso peonil e ciclista habilitado esta mañá entre Xuxán e Matogrande abriuse na vía leste do paso en ‘U’, onde xa se dispuxo a barreira de seguridade que esixe a normativa de ADIF, un elemento necesario para reforzar a seguridade das e dos peóns, así como para evitar o lanzamento de obxectos á vía férrea.
A alcaldesa, acompañada hoxe polos concelleiros José Manuel Lage, Nereida Canosa e Francisco Díaz Gallego, explicou que esta apertura peonil e ciclista dáse xa ao estar as beirarrúas dispostas, co obxectivo de dar resposta a unha solicitude da veciñanza de ambos os barrios, evitando así desprazamentos innecesarios e rodeos.
Máis de 11 millóns en investimento para a urbanización do barrio de Xuxán
A apertura progresiva do paso en U, primeiro para peóns e ciclistas, e, proximamente, para os vehículos, supón un novo fito no plan de desenvolvemento e urbanización do barrio de Xuxán, ao que o Goberno de Inés Rey destina 11,5 millóns de euros.
Esta partida tamén inclúe, por exemplo, os traballos para construír a segunda gran conexión entre Xuxán e Matogrande: a senda peonil e ciclista que se está a executar sobre o falso túnel que cobre un tramo de 70 metros da vía férrea preto do colexio Liceo La Paz.
«Tamén estamos a piques de rematar esta senda, ideada para o paso peonil e de VMP, a través dunha grande área verde, entre a rúa Sebastián Martínez Risco, en Matogrande, e as rúas Cernadas e Longarela, en Xuxán», apuntou a alcaldesa.
En paralelo, avanzan tamén os traballos de construción do novo aparcadoiro próximo a Sebastián Martínez Risco, que ampliará en 30 prazas os espazos de estacionamento en Matogrande. «Esta nova infraestrutura permitirá ampliar a dotación de prazas no barrio e tamén axudará a evitar o estacionamento indebido que se detecta en franxas concretas do día na contorna do colexio», explicou Inés Rey.
Ademais, nas vindeiras semanas traballarase nos últimos remates da vía paralela á vía ferroviaria, que contará con elementos de protección e unha nova pantalla vexetal.
Apoio á creación de vivenda pública
Inés Rey lembrou este xoves que, ademais das obras de urbanización en Xuxán, o Concello tamén impulsará no barrio a construción dun edificio de 50 vivendas de promoción pública na parcela Z-37, un soar de titularidade municipal localizado entre as rúas Longarela e Cernadas.
Para construír o edificio, o Concello levará a cabo un investimento de 10 millóns de euros, cofinanciados con fondos Next Generation. O proxecto de construción xa se aprobou semanas atrás na Xunta de Goberno Local.