As solicitudes poderán presentarse a partir de mañá ata o 30 de setembro
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria Axudas Galicia-París 2024 cun orzamento de 250.000 euros. Como novidade, a iniciativa está dirixida, ademais de ás persoas deportistas, tamén técnicas e adestradoras, xuíces e árbitros que poderán beneficiarse por primeira vez destas axudas. Os solicitantes deberán atoparse, en todo caso, na convocatoria oficial definitiva para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos París 2024.
A medida inclúe sete tipos de axudas de entre 1.500 e 12.000 euros, segundo as funcións que vaia desempeñar a persoa beneficiaria e, no caso dos deportistas, segundo se participaron en anteriores xogos olímpicos ou paralímpicos, e se conseguiron medallas. As bases están dispoñibles na web deporte.xunta.gal.
As persoas interesadas deberán presentar a solicitude preferentemente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal). O prazo comeza mañá e prolóngase ata o 30 de setembro.
Trátase dunha medida de apoio que se suma ás becas para deportistas de alto nivel (DGAN) e para persoas técnicas, adestradoras e persoas xuízas, árbitras galegas de alto nivel (TAXAGAN), estas convocadas por primeira vez en 2023. A través de ambas as liñas, o pasado ano concedéronse preto de medio milleiro de axudas que suman máis de 700.000 euros.
Participación récord
Galicia vai camiño de ter unha representación récord nestes XXOO e PP de París 2024: En torno a uns 70 galegos e galegas están na carreira dos Xogos, e teñen praza asegurada ou marca para optar á súa selección.
Asía, algúns dos deportistas que se poderán acoller a esta convocatoria son os piragüistas Teresa Portela, Carlos Arévalo, Antía Jácome, Rodrigo Germade e Carolina García; a regatista Tamara Echegoyen; os atletas Adrián Ben, Ana Peleteiro, Esther Navarrete e Tariku Novales; a futbolista Teresa Abelleira; ou púxil Enmanuel Reyes. Outros nomes de posibles beneficiarios son Juan Antonio Saavedra en tiro paralímpico, Caetano Horta en remo, Antonio Serrat en triatlón, Susana Rodríguez en paratriatlon, Martín de la Puente e Desiree Vila en atletismo adaptado, Jacobo Garrido en natación adaptada, ou Judith Rodríguez en esgrima adaptada.