O Acordo do Subsidio mellora a protección das persoas traballadoras

por Redacción Galicia

Máis de 200.000 galegos e galegas beneficiaranse do aumento de contías e cobertura da prestación asistencial por desemprego.

O Acordo acadado no marco de diálogo social, tras un primeiro intento errado fóra deste marco de concertación no que o RD-Lei 7/2023 non superou a convalidación parlamentaria, mellora a protección das persoas traballadoras ao aumentar o número de persoas cubertas e as contías das prestacións nos 12 primeiros meses de subsidio.

O conxunto de medidas acordadas mellorarán a protección social de máis de 200.000 galegos e galegas, especialmente entre os colectivos con máis precariedade e cunha importante presenza das mulleres, menores de 45 anos sen cargas familiares, emigrantes retornadas e mulleres que sufriron violencia de xénero ou sexual, entre outras.

Esta medida aumentará a protección social da totalidade de persoas que sexan beneficiarias de algún subsidio por desemprego que son actualmente 41.000 en Galicia e das 154.000 persoas que actualmente traballan a tempo parcial, Destas últimas un 75% son mulleres (115.500).

Entre a ampliación de colectivos cubertos destacan as persoas menores de 45 anos sen cargas familiares que esgotan prestacións, as vítimas de violencia sexual, as emigrantes retornadas e ás que non tendo cargas familiares, non poden acreditar 12 meses cotizados para acceder ás prestacións contributivas (o que beneficia maiormente ás persoas novas). Amplíase tamén a cobertura ao permitir o acceso das parellas de feito á unidade familiar.

Destacar, por último e entre outras cousas, que se facilita o cumprimento do requisito de insuficiencia de rendas ao permitir o acceso tanto por insuficiencia de rendas persoais como de rendas da unidade familiar, alternativamente.

Para CCOO esta reforma supón unha mellora substancial da protección por desemprego asistencial que se debe completar de maneira urxente coa revalorización do IPREM (Indicador Público de Referencia de Efectos Múltiples) que determina as contías das prestacións asistenciais e coa revisión dos requisitos de acceso ao Ingreso Mínimo Vital (IMV) de todos os colectivos con dificultades de cobertura nesa prestación, incluídos os actuais beneficiarios do subsidio que cando o esgoten, pasarán ao IMV.

CCOO lamenta que a CIG alíese cos empresarios e a dereita política e critique, unha vez máis, unha reforma que garante a contía completa do subsidio a todas as persoas desempregadas, con independencia do seu tipo de contrato. A nova reforma do subsidio deroga as medida imposta na Reforma Laboral do PP en 2012 que reducía as contías dos subsidios proporcionalmente á porcentaxe de xornada do último contrato de traballo que tivo a persoa traballadora.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario