Inés Rey reivindica a Luísa Villalta e o galeguismo dos barrios no Día das Letras Galegas

por Redacción A Coruña

A Coruña acolleu esta mañá o acto central de Galicia con motivo do Día das Letras Galegas, en homenaxe á escritora coruñesa Luísa Villalta. A alcaldesa, Inés Rey, interveu xunto con Susana Villalta, irmá de Luísa; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia, e Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia.

A alcaldesa sinalou que o acto é “unha celebración de país que é tamén unha celebración de cidade”, en referencia á escolla da Coruña, cidade natal de Luísa Villalta. Rey definiuna como “unha coruñesa do Gurugú que viviu, sentiu e escribiu esta beira do Atlántico, poetizando dun xeito persoal ese vivir na Coruña que todos e todas levamos dentro”. Villalta foi dramaturga, poeta e ensaísta, nada na Coruña e formada en música pola Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia.

Inés Rey: “O galeguismo popular dos barrios é o galeguismo que perdura porque está vivo e que garda a escencia de quen somos, garantindo o futuro da nosa lingua, da nosa identidade e da nosa cultura”

A rexedora lembrou a tradición galeguista da Coruña. Destacou acontecementos como a primeira edición dos Xogos Florais no 1861, o nacemento das Irmandades da Fala no 1916 ou o izado da bandeira de Galicia o 25 de xullo do 1921. “Foi o noso Concello, a praza de María Pita, e polo tanto esta cidade, a primeira institución de Galicia en entender e reivindicar como propio o noso símbolo común” sinalou. Rey reivindicou, ademais, o galeguismo popular que ten a súa orixe nos barrios: “Os mesmos que escoitaron os primeiros acordes de Sés, dos Diplomáticos ou de Pucho Boedo. Que viron os primeiros bosquexos de Xaime Cabanas ou Jorge Peteiro. E que inspiraron as historias de Manolo Rivas sendo testemuña, tamén, dos primeiros versos de Luísa Villalta” explicou.

Rey definiu ese tipo de galeguismo como “o galeguismo que perdura porque está vivo e que garda a escencia de quen somos, garantindo o futuro da nosa lingua, da nosa identidade e da nosa cultura”, e referenciou a Villalta como símbolo: “Con ela, con Luísa, pode abrirse tamén unha nova porta a repensar a nosa forma de facer Galicia”.

A alcaldesa rematou citando os derradeiros versos do derradeiro poemario de Luísa Villalta, En concreto (2004), publicado postumamente e cuxas composicións teñen A Coruña como eixe central: “A que Luísa retratou coa palabra, rematando así o seu penúltimo libro «outra vez, sempre o vento dos ventos / rodeando este ponto do mondo: / Cabeza, Garda, Chave, Forza e Antemural do reino renacido»”.

A mostra “Luísa Villalta. A música das palabras”, aberta ate o 17 de xuño no Salón de Exposicións do Palacio de María Pita

Previo ao acto institucional, abriuse ao público a exposición “Luísa Villalta. A música das palabras” no Salón de Exposicións Municipal de María Pita. Unha mostra organizada polo Concello da Coruña e a Xunta de Galicia e comisariada por Xesús Domínguez Dono que repasa a traxectoria biográfica e profesional de Luísa Villalta, facendo un percorrido vital para explicar a súa figura no panorama contemporáneo cultural de Galicia.

O proxecto componse dun total de 14 paneis (un de presentación, un de créditos e doce explicativos) con textos divulgativos. Dous dos paneis tratan especificamente a súa relación coa Coruña, definida pola poeta como a “Cidade Alta”, con versos extraídos das súas obras e fotografías de Xurxo Lobato. Os paneis compleméntanse con cinco mesas-vitrina e unha peaña con documentación e obxectos relacionados coa poeta (documentos, publicacións, fotografías…), que fornecen a información material.

Trátase dunha mostra itinerante que pasará polas principais cidades de Galicia, iniciando o seu percorrido na Coruña. Logo da apertura da exposición e o acto institucional na praza de María Pita, a Real Academia Galega desenvolveu un plenario no Teatro Rosalía de Castro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario