O proxecto de glorieta xunto ó CEIP Milladoiro de Malpica incumpre a normativa de accesibilidade

por Redacción A Coruña

O voceiro socialista local Walter Pardo presentou por rexistro diversas alegacións ao proxecto, que “provocará que a pendente do acceso ao colexio público aumente ata o 20,70%”

O PSdeG-PSOE de Malpica de Bergantiños denuncia que a nova glorieta proxectada na estrada AC-418, xunto ao CEIP Milladoiro, incumpre a normativa de accesibilidade.

«É cando menos curioso que o proxecto publicado no DOG non recolla en ningún apartado ou anexo o obrigado cumprimento das leis de accesibilidade”, critica o voceiro socialista local Walter Pardo, que presentou varias alegacións ao mesmo no rexistro do Concello.

“Os accesos ao colexio público Milladoiro presentan actualmente una pendente media del 14,75 %, xa por enriba do máximo do 12% recollido pola normativa”, explica o socialista. “A implantación da rotonda neste punto provocará que a pendente do acceso ao colexio público aumente ata o 20,70%”, advirte.

Pardo afirma que “a lei obriga a mellorar os accesos, e pola contra neste caso empeóranse moito, a pendente sería impracticable para calquera persoa con mobilidade reducida e incluso de grande dificultade para o resto de xente”.

“Estes acceso son utilizados polos nenos e nenas a diario, xa que o desembarque dos buses prodúcese a pé da AC-418, pero o proxecto tampouco recolle as manobras dos buses para deixar e recoller á cativada na entrada e saída do colexio”, sinala o voceiro socialista.

“Se ademais o embarque e desembarque se produce na futura parada de bus que o proxecto contempla diante do centro cívico, a cativada terá que circular por una beirarrúa cun ancho de tan só 1,25 metros, incumprindo de novo a normativa, que fixa un ancho mínimo, xa de por si escaso para esta situación, de 1,80”, subliña Pardo.

“Non só empeora a accesibilidade, senón tamén a seguridade da cativada”, lamenta, e critica que «non se contemplan tampouco alternativas para que os pais e nais poidan deixar aos seus fillos e fillas en coche particular».

Por estas razóns, o PSdeG de Malpica solicita “a reelaboración do proxecto, cun estudo de alternativas noutras ubicacións e sempre tendo en conta tanto os accesos ao CEIP Milladoiro como as manobras dos autobuses e os coches particulares para o embarque e desembarque do alumnado”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario