Amnistía Internacional Lugo organiza o coloquio “Racismo e discriminación no sistema penal de Alabama: Rocky Myers, 30 anos no corredor da morte”

por Redacción Lugo

mércores 29 de maio o grupo de Amnistía Internacional Lugo recibe na súa cidade a visita de Kacey Keeton, avogada sénior, e Miriam Bankston, investigadora xefa da Oficina do Programa Federal de Defensores/as de Alabama (Estados unidos). Estas dúas profesionais participarán no coloquio «Racismo e discriminación no sistema penal de Alabama», que se centrará no caso de Rocky Myers, un condeado que leva 30 anos no corredor da morte.

As dúas convidadas participarán neste acto público que se celebrará ás 20h no Auditorio do Vello Cárcere. Antes do mesmo, serán recibidas pola Alcaldesa do Concello de Lugo e representantes dos grupos municipais.

Kacey Keeton é avogada sénior e Miriam Bankston é investigadora xefa do Programa Federal de Defensores/as do Distrito Medio de Alabama (https://alm.fd.org). Ámbalas dúas visitan a cidade de Lugo dentro dunha xira organizada por Amnistía Internacional que as levará por varios países europeos.

Este programa, financiado con fondos do poder xudicial federal dos Estados Unidos, actúa como unha corporación privada dedicada a proporcionar defensa legal gratuíta a persoas que non a poden custear. Miriam Bankston e Kacey Keeton traballan especificamente na Capital Habeas Unit, unha división especializada en casos de pena de morte. A súa función principal é representar a persoas condenadas a morte nas súas apelacións e recursos. Entre os casos nos que traballan está o de Rocky Myers, do que se ocupa o grupo lucense de Amnistía Internacional desde hai anos.

Rocky Myers é un home de raza negra cunha discapacidade intelectual. Foi condenado á morte polo asasinato dunha muller branca por un xurado composto case na súa totalidade por persoas brancas (11 de 12), pese a que ningunha evidencia o vinculaba co crime. O xurado impuxo a Rocky a cadea perpetua, pero o xuíz desatendeu o veredicto e condenouno á pena capital. Esta práctica foi declarada ilegal pero sen efectos retroactivos. Ademáis, existen outros 30 casos coma o seu de condenados a morte en Alabama en contra do veredicto do xurado.

En 2016 o Pleno do Concello de Lugo declarou a Lugo como «cidade pola vida, contra a pena de morte» e en 2022 aprobou unha declaración institucional pedindo á Gobernadora de Alabama o indulto para Rocky Myers.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario