PSOE e BNG critican que o perfil da Xefatura do Litoral en Lugo encaixa “sospeitosamente” con María Reigosa

Ante a publicación no día de hoxe dunha praza en comisión de servizo dentro da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, correspondente á Xefatura do Servizo do Litoral en Lugo, con prazo de inscrición aberto ata o vindeiro 27 de abril (https://www.xunta.es/comisions/ConsultarAnuncio.do?id=45916 ), as agrupacións locais do PSOE de Lugo e do BNG consideran necesario trasladar á opinión pública as seguintes cuestións:

1. PSOE e BNG instan á Xunta a aclarar se a convocatoria desta praza garda algunha relación coa situación política actual no Concello de Lugo, marcada pola posibilidade dunha moción de censura promovida polo Partido Popular.

2. Chama a atención que o perfil formativo e profesional requirido para o posto coincida de maneira significativa co currículo dunha edila transfuga.

3. Neste contexto, pregúntase publicamente se a concelleira María Reigosa ten previsto optar a esta praza. Trátase dunha cuestión lexítima que merece unha resposta clara para evitar calquera tipo de especulación.

3. PSOE e BNG subliñan a importancia de garantir a máxima transparencia nos procesos de provisión de postos públicos, especialmente en contextos de especial sensibilidade política, para preservar a confianza da cidadanía nas institucións.

4. No caso de que se confirmase calquera tipo de vinculación entre esta convocatoria e movementos políticos no Concello de Lugo, estaríamos ante unha situación de extrema gravidade, que podería ser interpretada pola cidadanía como unha práctica allea aos principios éticos e democráticos.

5.Ambas formacións reiteran o seu compromiso coa defensa da democracia, da ética pública e do respecto á vontade da veciñanza, advertindo da necesidade de evitar calquera actuación que poida poñer en cuestión estes principios.

5. PSOE de Lugo e BNG apelan á responsabilidade das institucións implicadas para ofrecer explicacións claras e garantir que todas as actuacións se desenvolven con absoluto respecto aos principios de legalidade, transparencia e interese xeral.

6. Ambas formacións continarán vixiantes ante a evolución deste suceso e sopesan iniciar accións legais fronte ao que podería constituir un delito de carácter penal e golpe a democracia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios