Cambados acolle o 8 de xuño o acto de recepción de Takekazu Asaka como membro de honra da Real Academia Galega

por Redacción Galicia

Takekazu Asaka (Toquio, 1952), embaixador da cultura galega no Xapón, será recibido como académico de honra da Real Academia Galega o sábado 8 de xuño (12:00 horas) nunha cerimonia que terá lugar en Cambados. O Auditorio da Xuventude da vila natal de Ramón Cabanillas, un dos autores galegos que o profesor verteu ao xaponés, acollerá o acto, unha sesión de entrada libre ata completar a capacidade da sala que poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal. Tras a lectura do seu discurso, daralle resposta en nome da institución o académico de número Francisco Fernández Rei, natural tamén de Cambados.

Membro correspondente da RAG dende 2017, Takekazu Asaka leva máis de tres décadas estudando o galego e a súa literatura, e contribuíndo ao seu coñecemento no seu país. Sobre esta proxección exterior falará a súa intervención, titulada Do poñente ó nacente. Unha ollada desde Xapón á lingua e á cultura galegas.

Doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Kansa Gaidai (Osaka), foi profesor de castelán na Universidade Tsudajuku de Toquio dende 1987 ata a súa xubilación en 2022 e impartiu clases de lingua, gramática e literatura galegas entre 2005 e 2022 en varias universidades xaponesas e mais no Instituto Cervantes de Toquio. As súas primeiras achegas para a aprendizaxe do galego dende o xaponés remóntanse á primeira metade dos anos 90, cando publicou a Gramática do galego moderno (1993), a primeira escrita para o público nipón, actualizada na Nova gramática galega (2016). É tamén autor da Guía de conversación en galego (1994), igualmente a primeira para falantes xaponeses, e o Vocabulario básico da lingua galega (1996), onde cada termo se acompaña da equivalencia en castelán e xaponés. Como lingüista, logo de diversos traballos gramaticais e léxicos, estudou ademais a situación do galego en Galicia e no Eo-Navia.

No campo da tradución, verteu ao seu idioma materno os seis poemas galegos de Lorca (1993), Cantares gallegos (2009) e Follas novas (2018) de Rosalía de Castro ou Os eidos de Uxío Novoneyra (2917). En 2013 editou a Cantata a Ramón Cabanillas, volume no que ofrece un estudo sobre a vida e a obra do vate cambadés e unha escolma poética galego-xaponesa, e posteriormente traduciu o seu poemario A rosa de cen follas (2019). Tamén lle prestou atención á lírica galega medieval: no ano 2015 publicou Xograr Martín Codax e editou no Xapón o libro-cedé Convite para as Cantigas de Santa María (2023).

Alén do eido literario e lingüístico, Takekazu Asaka é autor d’Os 50 capítulos para coñecer Galicia (2010), unha guía en xaponés sobre a situación sociocultural galega; e dende o ano 2008 organiza en Toquio e as cidades próximas, co gallo do Día das Letras Galegas, un ciclo de música e poesía galega con actuacións de artistas locais e conferencias que el mesmo imparte sobre a cultura de noso.

As contribucións do profesor Asaka á proxección exterior da cultura galega foron recoñecidas co XVI Premio Ramón Cabanillas, a Folla de Ouro do Albariño 2019 e o seu nomeamento como Ilustre Cabaleiro da Orde da Vieira.

A Real Academia Galega a recepción de Takekazu Asaka como membro de honra coa colaboración da Deputación de Pontevedra e Concellería de Cultura, Ensino, Patrimonio e Normalización Lingüística de Cambados.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario