Reparar e renovar as infraestruturas de regadío, limpar as canles de regadío e o seu entorno e informar sobre o estado das zonas de dominio do regadío: deberes para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe actualizar o censo e condonar a débeda da comunidade de regadío do Val de Lemos e reclama unha coordinación e colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, pertencente ao Goberno do Estado, o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galiza. Rego demanda á CHMS reparar as infraestruturas de regadío de forma inmediata e supervisar e comunicar estado das zonas de dominio do regadío, así como a limpeza dos canais e o seu entorno inmediato. Así mesmo, urxe adoptar as medidas necesarias que permitan destinar a cultivo a totalidade das hectáreas produtivos, prevendo de axudas para a deforestación, limpeza e recuperación de terras de produción agraria.
O BNG mantén unha reunión coa comunidade de regantes do Val de Lemos para escoitar as súas demandas e comprométense a artellar unha ofensiva institucional que resolva os problemas actuais do sector. Entre os asistentes, acudiron o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, os deputados no Parlamento de Galiza, Montse Valcárcel e Iago Suárez, a responsábel comarcal do BNG en Lugo Sul, Rosana Prieto, e concelleiros da organización en Pantón e Monforte de Lemos.
O BNG, cabe lembrar, vén defendendo durante os últimos anos, a través de iniciativas no Congreso, unha solución á situación de abandono e a necesidade de melloras para incrementar a capacidade produtiva dos terreos aos que da servizo o regadío do Val de Lemos. A infraestrutura de regadío, absolutamente deteriorada, afecta aos concellos do Val de Lemos e, especialmente, a municipios como A Pobra do Brollón, Bóveda ou Monforte.
«Son varios miles de hectáreas de terras de cultivo altamente produtivas que se atopa, neste momento, nun estado total de abandono que provoca desbordamento de auga no entorno dos canais principais e secundarios» sinala o deputado do BNG. Todo isto, explica Rego, ocasiona que algúns terreos se deterioren por exceso de auga chegando incluso a inundarse por completo mentres que outros adoecen de falta de regadío.
O deputado do BNG, neste sentido, traslada que rexistrará novas iniciativas na cámara baixa para que o Goberno e, concretamente, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil actúen e deixen de permanecer impasíbeis «mentres se desaproveitan as potencialidades da zona e a auga embalsada para regadío no río Mao». «En colaboración coa Xunta de Galiza, débese dar unha solución que permita a continuidade da comunidade de regantes de regadío do Val de Lemos que inclúa a condonación da débeda» reivindica Néstor Rego.
«Resulta necesario dar solución á situación da propia comunidade de regantes do Val de Lemos, para o que a Confederación Hidrográfica debe, conxuntamente co Goberno galego, actualizar o censo de regantes, volver a negociar as condicións e cotas de pago e condonar a débeda acumulada simplemente porque ningunha das administracións foi dilixente dando garantías xurídicas a esta comunidade de regantes» afirma Rego.
Por parte da CHMS, engade o deputado nacionalista, o organismo público «debe reparar e renovar as infraestruturas de regadío de forma inmediata e limpar as canles de regadío, así como o seu entorno inmediato, e manter unha supervisión das zonas de dominio do regadío». Do mesmo xeito, urxe adoptar as medidas necesarias que permitan destinar a cultivo a totalidade das hectáreas produtivas, prevendo axudas para a deforestación, limpeza e recuperación de terras de produción agraria.
Así mesmo, a organización nacionalista demandará copia do estudo elaborado por parte da Universidade sobre as necesidades do regadío do Val de Lemos así como do mapa das terras dominadas. Na cámara galega, continúa explicando a organización nacionalista, demandarase a activación da mesa acordada por unanimidade e o estudio da concentración parcelaria ou fórmulas alternativas na zona.