O secretario xeral do PSdeG; José Ramón Gómez Besteiro, e o candidato socialista ao Parlamento Europeo Nicolás González Casares chamaron en Santiago a votar o domingo polo “único proxecto galeguista e europeísta” que concorre ás eleccións europeas, o do Partido Socialista.
O eurodeputado lalinense sinalou o aspecto simbólico de elixir Compostela para o peche de campaña como punto de relación histórica co resto do continente, “o fin do Camiño, pero onde empeza todo para os galegos e as galegas”.
Asegurou que ao longo dos últimos días percibiu como os socialistas “estamos medrando mentres o PP xoga a empatar, e quen xoga a empatar perde”. “A política da lama non vai funcionar”, afirmou para trasladarlle o seu apoio “fraternal” ao presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE. “Cada ataque a Pedro Sánchez fainos máis fortes”, advertiu.
González Casares animou a “non dar nin un paso atrás” e a “votar por Europa”, da que o PP, durante a campaña, “non falou nada”. Ese voto, dixo, implica unha aposta por “avanzar, por máis dereitos e liberdades”, por un modelo político que “rexenera e non dexenera, que non retrocede”.
Os avances demoscópicos dos Países Baixos, onde a cidadanía xa acudiu ás urnas, avanzan “que vai gañar a socialdemocracia, e tamén vai gañar en España, e en Galicia van gañar os socialistas”, apuntou tras prometer que o apoio á esquerda servirá para “pararlles os pés aos que queren rebaixar a política ao fango”.
Nicolás González Casares reiterou o seu compromiso “total” de seguir traballando cinco anos máis para ser “a verdadeira voz de Galicia en Europa, a verdadeira influencia”, e lamentou que o PP non presente ningún candidato que resida en Galicia. “Vivo en Lalín e estou orgulloso”, dixo.
“Besteiro ten claro que un proxecto galeguista debe ser europeísta”, concluíu o candidato a renovar o seu escano no Europarlamento, ao que o secretario xeral lle respondeu lembrándolle ao público presente no acto na Alameda compostelá que González Casares estivo “absolutamente presente” en Galicia durante os cinco anos nos que foi eurodeputado. “Foi o que estivo máis próximo á cidadanía galega”, insistiu.
Besteiro cualificou de “crítico” o momento no que chega este proceso electoral. “Do que votemos —dixo— depende o futuro de Europa”. Recordou que o proceso de construción europea “é un proceso case exclusivamente socialista”, e apuntalou esa afirmación citando a políticos como Delors, Mitterrand e González como “construtores” da Unión, aos que sumou “xente de centrodereita coma Kohl”, que era “distinta” aos políticos conservadores actuais.
“Somos a única forza que vai traballar pola unidade de Europa”, insistiu fronte a un nacionalismo “de esquerda ou de dereita” que só aspira “a dinamitar a unidade” do continente.
O secretario xeral do PSdeG fixo historia sobre os beneficios de pertencer á Unión. “O balance é tremendamente positivo. Dende que entramos, adquirimos a maioría de idade”, dixo en referencia á evolución de España e de Galicia dende mediados dos anos oitenta.
Se Zapatero “traballou por unha Europa en paz e pola Alianza de Civilizacións”, os socialistas “somos coherentes coa declaración do Estado palestino, pero tamén defendendo o dereito dos ucraínos a defender a súa patria”.
Sobre a ampliación da UE, asegurou que dende a socialdemocracia se aspira a levar a novos países os valores que inspiran Eurpopa, como “a tolerancia e o Estado de dereito”. “Pediremos que se impregnen deses valores incluso antes de entrar na Unión”, propuxo.
Invitou a reflexionar, ademais, sobre “o moito bon que fixemos e o moito bon que vai traer” seguir pola senda dunha europa de progreso. Durante a pasada lexislatura mutualizouse a resposta á pandemia, chegaron os fondos europeos de recuperación, traballouse arreo para reindustrializar o continente e impulsouse a cohesión territorial e social, “a igualdade, porque Europa fainos iguaisa a todos”, enumerou para pedir “que a indiferencia non marque a diferencia”.
“O que se xoga é extraordinariamente importante. Este partido vai con nós, e hai un partido que é capaz de facer fronte aos que queren acabar con Europa: o Partido Socialista”, rematou.