Ademais, celebra unha semana de portas abertas ofrecendo visitas guiadas con motivo do Día Internacional dos Arquivos
O Arquivo Histórico Provincial de Lugo amplía a serie “Documentos singulares” presentando hoxe dúas imaxes de monumentos da Ulloa do amplo fondo que custodia do fotógrafo Juan José Vivancos. Este é un dos actos principais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para conmemorar en Lugo o Día Internacional dos Arquivos.
Con motivo da efeméride, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o Arquivo Histórico acompañado pola directora, Dolores Pereira Oliveira, e destacou o papel fundamental que xoga na protección do patrimonio documental dos lucenses.
O Arquivo Histórico cumpre a dobre misión de conservar a documentación en instalacións e condicións axeitadas, e restaurar a que chega deteriorada ou acusa danos polo uso reiterado.
Neste sentido, Arias comprobou o traballo de restauración realizado en varios tomos do Catastro do Marqués da Ensenada, elaborado a mediados do século XVIII. O centro conta con máis de 5.000 tomos referidos á provincia de Lugo, que son unha radiografía da época a través da recompilación exhaustiva de datos sobre as propiedades e a veciñanza dos núcleos e parroquias. Aínda hoxe figuran entre os máis consultados polos lucenses para determinar cuestións como as demarcacións exactas de cada termo.
As persoas interesadas en coñecer ese labor de custodia e conservación poden participar nas visitas guiadas que se ofertan ata este venres; é preciso reservar con antelación no teléfono 982 828 318 ou no enderezo de correo electrónico ahp.lugo.informacion@xunta.es.
Imaxes da historia recente
As imaxes seleccionadas con ocasión do Día dos Arquivos son fotografías en branco e negro da Igrexa de Vilar de Donas e o Castelo de Pambre, sen datar. O Arquivo Histórico Provincial garda 19.226 fotos realizadas por Juan José entre os anos 1942 e 1977, coa extraordinaria calidade e sensibilidade dun verdadeiro artista. Foron adquiridas pola Xunta no 1998 para preservalas como os importantes documentos históricos que son.
Segundo expón Antonio López Bodaño, o arquiveiro encargado de contextualizar a presente edición dos “Documentos singulares”, a súa obra “ademais do seu innegable valor artístico, ten un interese excepcional para o estudo dos costumes, vestimenta, traballo, arquitectura e monumentos, paisaxe, actos culturais e sociais, etc”.
Vivancos Puente naceu en Badalona pero exerceu a súa profesión en Lugo, deixando testemuña gráfica do transcurso da segunda metade do século XX na cidade e na provincia. Era moi coñecido entre a cidadanía luguesa, simplemente como Juan José, por ser autor dunha verdadeira multitude de fotos de carné e de reportaxes de vodas, bautizos e comuñóns que o levaron pola totalidade da provincia; aproveitou esas viaxes para recoller imaxes da natureza, de edificios ou do patrimonio cultural, captando a súa beleza e grandiosidade.
Participou activamente en distintas agrupacións fotográficas e asociacións profesionais e foi correspondente de NO-DO e RTVE. Xubilado en 1997, foi mestre e referente de numerosos fotógrafos en toda a provincia lucense.