Fai fincapé nunha xestión rigorosa que permite manter uns servizos públicos de calidade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe o compromiso cunha Galicia plenamente integrada nunha España constitucional e nunha Europa forte e unida. Así o sinalou durante a súa intervención no Foro ABC celebrado en Madrid, onde avogou por fuxir da polarización como contraposición ao estilo Galicia, ao que identificou “co consenso e o sentido común”.
O responsable do Goberno galego remarcou que unha xestión rigorosa permite manter uns servizos públicos de calidade. “Analizamos os problemas e buscámoslle solución desde a lealdade institucional”, apuntou Rueda, quen recalcou a importancia de contar cun presuposto como unha ferramenta imprescindible para poder planificar.
Galicia cumpre
Durante a súa intervención, o presidente do Goberno galego, que puxo en valor que as eleccións autonómicas serviron para blindar a estabilidade e non interromperon en ningún momento a acción de goberno, resaltou diferentes exemplos de compromisos adquiridos para os cen primeiros días de goberno que xa están en marcha. Así, entre outros, referiuse á primeira matrícula universitaria gratuíta para todos os graos ou o incremento do parque público residencial (co obxectivo de alcanzar as 8.000 vivendas neste mandato), ademais da ampliación das exencións no imposto de sucesións.
Neste eido, sinalou que “baixar impostos desde o principio é posible e responsable”, incidindo en que facelo con intelixencia “fai que se mova a economía”. O presidente autonómico defendeu unha “política de crear riqueza e emprego”, apuntando, en relación ao tecido empresarial, que cómpre “estimular o esforzo, non desincentivalo”.