A Comisión de festas reunirase o vindeiro martes 25 para comezar a traballar nesta edición do San Froilán
A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, criticou que a Xunta de Galicia invista «máis de dous millóns de euros nun macrofestival e deixe sen cartos á gran festa do outono galego». Ferreiro afirmou que «ano tras ano reclamamos á Xunta maior investimento no San Froilán e sempre nos atopamos con excusas de mal pagador, agardamos que o goberno galego rectifique este ano e de un apoio institucional á altura do San Froilán».
A concelleira de Cultura afirmou que «desde o Goberno de Lugo traballamos xa nun San Froilán pensado para que toda a veciñanza de Lugo atope actividades de calidade ás que poder asistir», e engadiu «recentemente vense de nomear un novo delegado territorial de Cultura, malia que este nomeamento chega tarde, agardamos que teña tempo a facer os deberes durante o verán e conseguir que a Xunta colabore ao nivel que o San Froilán merece».
Maite Ferreiro criticou que «o Goberno Galego gaste millóns de euros en macrofestivais e deixe ás grandes festas de Lugo cunha colaboración ínfima». Segundo os datos publicados pola plataforma de contratación da Xunta de Galiza, o patrocinio publicitario dado pola Axencia de Turismo de Galiza á empresa Old Navy y Esmerarte UTE para a organización do festival O Son do Camiño 2024 ascende a 2.904.000€, mediante un contrato formalizado o pasado 1 de abril. O convenio asinado para o San Froilán 2023 inclúe unha participación de 25.000€, «só un 0,86% do orzamento do Son do Camiño é o que se destina ao San Froilán»
A edil de Cultura anunciou que a Comisión de Festas se reunirá o vindeiro martes 25, onde a edil de Cultura presentará os avances realizados na organización das festas aos grupos políticos e escoitar as distintas propostas que trasladen de cara á nova edición do San Froilán.