Besteiro insta a Rueda a deixar as “ocorrencias e tomarse en serio a Atención Primaria cun modelo máis amplo e resolutivo”

por Redacción Galicia

O líder do socialistas galegos acusa ao presidente da Xunta de deixar sen convocar 180 prazas de formación de médicos de familiar “que hoxe poderían estar traballando”

O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, instou ao presidente da Xunta a deixar as “ocorrencias” para tomarse en serio á atención primaria e despregar un modelo “máis amplo e resolutivo”. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, na que lle afeou que Galicia teña deixado sen convocar máis de 100 prazas formativas habilitadas polo Estado na última convocatoria.

O responsable socialista criticou que “parece que sobran” médicos cando o Estado permite formar 725 médicos no ano 2023 e a Xunta só forma a 620 profesionais, e cando nos últimos anos deixou sen convocar 180 prazas para médicos de familia “que hoxe estarían traballando” e poderían paliar en boa medida a carencia de médicos de Galicia.

Advertiu que Galicia é hoxe a segunda comunidade autónoma que menos porcentaxe do seu orzamento dedica á atención primaria, só por riba de Madrid -ao que aludiu como de “madame Libertèe”, en alusión á presidenta da Comunidade Autónoma-. Aludiu tamén a que as condicións laborais do Sergas están “entre as peores de España”, ademais de que é o sistema sanitario “que peor paga aos seus MIR” en comparativa co resto do Estado.

Gómez Besteiro sinalou ademais aos rateos de persoal sanitario, nas que Galicia, con 5,6 médicos e 5,2 enfermeiros por cada 1.000 habitantes, sitúase moi por debaixo do Estado, con 6,2 e 7,2, respectivamente, segundo o INE. Ademais, este territorio ten dos peores rateos do Estado en saúde mental e unha das tres peores da matronas.

Mentres o goberno galego presenta “ideas singulares dende o Monopoly sanitario a ofrecer vivendas durante o verán ou a contratar como médicos aos MIR de último ano tutelados “veremos se de maneira directa, indirecta ou mediante intelixencia artificial”.

Proposta de acordo

O responsable socialista puxo enriba da mesa unha proposta de acordo para volver “facer grande” á atención primaria cun plan de choque para fortalecer o servizo de entrada na sanidade pública fundamental para a poboación. Fronte a unha xestión “descuidada” por parte do goberno galego, apostou por reforzar a plantilla profesional para constituír equipos multidisciplinares e “superar o médico – centrismo”.

Lamentou que o presidente da Xunta respondera á proposta de acordo “botando balóns fora” e sinalando de novo ao goberno central –“eu pregúntolle por mazás e contéstame por peras”, remachou Besteiro-. Respondeulle co cadro de prazas MIR habilitadas polo Estado, que dende a chegada de Pedro Sánchez convocou cada ano o máximo histórico rexistrado nunca para Galicia.

O líder dos socialistas galegos reivindicou unha “liña construtiva” para acadar un acordo que permita mellorar o sistema sanitario e reclamoulle a Rueda un “compromiso” para potenciar e apostar pola atención primaria, aumentando a carteira de servizos da que é a primeira liña de atención aos cidadáns. Subliñou que “queremos parecernos aos mellores e non aos peores” e salientou o compromiso dos socialistas galegos coa sanidade pública e a atención primaria.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario