O Voceiro do PSdeG explica que tras acordar co Rexedor que a sesión municipal podería celebrarse hoxe venres ou mañá sábado, este finalmente fixou a reunión da corporación para mediados de xullo
– Marcos Arias: “Este concello ten asuntos importantes que non poden esperar, como a falta de médicos, a necesidade dunha RPT, ou a mellora do abastecemento da auga ou a creación de vivenda no municipio”
Os socialistas de Portomarín denuncian que o Alcalde “falta a súa palabra” e retrasa o Pleno que tiña que celebrarse este mes máis de 15 días. Explica o Voceiro do PSdeG no municipio, Marcos Arias, que o luns falou co Rexedor e acordou con el que a sesión da corporación local podería celebrarse hoxe venres ou mañá sábado, este finalmente fixou a reunión para mediados de xullo.
“Este concello ten asuntos importantes que non poden esperar, como a falta de médicos, a necesidade dunha RPT, a mellora do abastecemento da auga e a creación de vivenda no municipio”, sinala Arias. Explica o socialista que xustamente o seu grupo rexistrou o pasado luns tres mocións diferentes ao respecto destas cuestións, logo de “apalabrar” co Rexedor a celebración do Pleno municipal a finais de semana. “Que casualidade que xusto despois notificara que quedaría para mediados do mes que vén”.
Detalla Marcos Arias que os socialistas presentaron unha moción para sinalar a necesidade de esixirlle á Xunta de Galicia que proceda á inmediata cobertura da praza de médico que está vacante desde a xubilación da anterior profesional; e que mentres non se cubre reforce o servizo de forma urxente durante estes meses de verán. Apuntou ademais a necesidade de aprobar unha relación de postos de traballo onde se avalíen as necesidades reais de persoal para crear, modificar ou suprimir prazas en función dos servizos que se proporciona á veciñanza.
O PSdeG de Portomarín quere ademais instar á Xunta a que asine un convenio de colaboración co Concello de Portomarín con compromisos reais, como a mellora do abastecemento de auga ou a creación de vivenda no municipio. Denuncian deste xeito un suposto acordo anunciado polo PP, antes das eleccións municipais, polo cal a Consellería de Medio Ambiente ía destinar un millón de euros a unha obra “faraónica” de humanización do Campo da Feira da localidade e do que só hai asinado un protocolo.