O Concello da Coruña colabora co proxecto Ceos Galegos na divulgación das fotografías, tomadas por autoras e autores galegos en diversos puntos da xeografía da Coruña, Pontevedra e Ourense
A Casa das Ciencias acolle ata finais de ano a mostra fotográfica ‘Auroras boreais’, unha exposición que recolle imaxes destes fenómenos excepcionais nos ceos de Galicia no pasado mes de maio, cando se puideron contemplar desde diversos puntos xeografía da comunidade.
O Concello colabora co proxecto Ceos Galegos na difusión da mostra, que consta de nove imaxes de fotógrafas e fotógrafos galegos, tomadas desde diversos puntos das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, e aglutinadas polo divulgador científico X. Dosi Veiga. Neste sentido, as auroras vense mellor nunha fotografía que a primeira ollada, xa que as cámaras fotográficas permiten rexistrar a luz do ceo durante varios segundos, xerando imaxes máis saturadas e con máis detalle. A duración dunha aurora vai desde uns minutos ata varias horas, e as súas formas son moi variadas en función do vento, as nubes, a temperatura ou a humidade.
As auroras prodúcense cando partículas cargadas procedentes do Sol interaccionan co campo magnético terrestre e chegan ás capas altas da atmosfera. O habitual é poder observalas en latitudes próximas aos polos terrestres: auroras boreais, no polo norte, e austrais, no polo sur. Con todo, as tormentas solares máis potentes poden facer que as auroras se vexan en latitudes máis próximas ao ecuador.
No caso de Galicia, as auroras boreais foron visibles nas noites do 10 e 11 de maio de 2024, cando unha enorme cantidade de materia expelida polo Sol alcanzou o noso planeta, deixando auroras en latitudes intermedias, incluíndo Galicia, como non se vían desde 1938.
A cor máis común das auroras nos polos adoita ser o verde, debido ao osíxeno a altitudes de ata 100 quilómetros. As auroras que se puideron observar en Galicia en 2024 foron, na súa maioría, de cor vermella, ao producirse a alturas máis elevadas, entre os 300 e 400 quilómetros. Outras cores que poden adoptar son o rosa, o púrpura ou mesmo o azul, involucrando tamén a outros gases, como o nitróxeno, o hidróxeno ou o helio.
A mostra, que recolle imaxes de Francisco J. Fernández Gómez, O’Fins, Gema Figueroa, Pablo ARRBB, Begoña Brao e Óscar Blanco, forma parte da programación cultural e divulgativa impulsada polo Goberno de Inés Rey durante esta tempada estival, con multitude de actividades previstas, por exemplo, na Casa das Ciencias, mais tamén na Domus e o Aquarium Finisterrae.
Máis información, na web dos Museos científicos