Besteiro acusa a Rueda de quitarlle aos “pobres” para darlle aos “ricos”: “Cando todos queremos ser Robin Hood, vostede está empeñado en ser o sheriff de Nottingham”

por Redacción Galicia

Critica que descargue sobre os concellos as cargas que lle corresponden á Xunta e reclama que amplíen a aportación ao Servizo de Axuda ao Fogar e que paralicen a suba do canon de Sogama

O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, criticou que “cando todo o mundo desexa ser Robin Hood, vostede está empeñado en ser o sheriff de Nottingham” e así “quitarlle aos pobres para eximir aos ricos” de impostos. O líder dos socialistas galegos empregou a sesión de control no Parlamento para criticar que Rueda sobrecargue aos concellos de gastos que lle corresponden ao goberno galego.

O responsable socialista acusou ao presidente da Xunta de facerlle pagar aos galegos e galegas “a través dos concellos”, aos que sobrecarga con competencias propias do goberno galego sen darlles fondos para poder asumilos. Centrouse neste caso no anuncio da Xunta de incrementar o canon polo tratamento de lixo aos concellos adheridos a Sogama e na falla de financiamento do goberno galego para o Servizo de Axuda no Fogar que teñen que prestar os gobernos locais.

Comezou sinalando que a decisión da Xunta de “queimar e enterrar” residuos a través de Sogama é o que penaliza pola Lei de Residuos de 2022, que traspón a directriz da UE, e que o goberno galego quere trasladarlle aos concellos para recadar máis de 12 millóns de euros este ano. Apuntou que “pode fixar exencións por este imposto cedido, coas rendas mais altas, pero non o fai, porque vostede loita sobre o que lle interesa e apetece”.

Reclamoulle ao presidente da Xunta que incremente a aportación do goberno galego aos concellos para financiar o Servizo de Axuda no Fogar -SAF-, que asfixia as arcas municipais por ter que xestionar unha competencia que é “única e exclusivamente da Xunta”. Lembrou que o financiamento deste servizo lle corresponde ao goberno galego e ao Estado ao 50 por cento, pero actualmente os concellos pagan a maior parte dos 21 euros por hora que custa porque a Xunta “non chega a 5”.

O tamén secretario xeral do PSdeG esixiulle ao goberno galego que “mude a política de relación cos concellos aos que lles fai pagar todo”, incluíndo competencias propias do goberno galego, ademais do SAF ou a política medioambiental, como son as instalacións portuarias, o abastecemento e saneamento de augas ou instalacións deportivas.

Afeoulle ao presidente da Xunta que un dos tres principios da súa xestión sexa precisamente que “cando hai que pagar, que paguen os galegos e as galegas a través dos concellos, que son os grandes esquecidos e penalizados”. Ironizou coa “coherencia discursiva” amosada por Rueda nos 3 meses de inicio da Lexislatura, que completa aquel “principio” coas premisas de que “cando as cousas van ben é mérito seu, e cando van mal a culpa é de Pedro Sánchez”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario