O PP pide no Senado que o Goberno de Sánchez rehabilite os inmobles públicos de Adif baleiros na provincia de Lugo para ofrecer vivenda a prezos accesibles

Katy Varela sinala que “Adif ten en Monforte un edificio con tres pisos baleiros” polo que “é unha gran oportunidade para reformar estas instalacións e dirixilas ao parque público de vivendas”.

Os senadores do PP pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- defenderán ante a Comisión de Transporte y Movilidad Sostible do Senado unha moción que insta o Goberno de Sánchez a acondicionar inmobles de propiedade pública que se atopan actualmente baleiros ou infrautilizados na provincia para destinalos ao alugueiro de vivendas a prezos accesibles.

A proposta, que dá resposta á crecente preocupación da sociedade española pola dificultade de acceder a unha vivenda a prezos razoables, céntrase nos numerosos inmobles dos que dispón o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) na provincia: un total de 158 inmobles, dos cales 100 se atopan baleiros -incluíndo 36 vivendas en estado deficiente, 28 en estado regular e 10 en estado ruinoso-.

Os senadores populares cren que “estas propiedades, unha vez acondicionadas, poderían destinarse a satisfacer a demanda de vivenda a prezos accesibles”. Algunhas delas atópanse en Monforte de Lemos onde os populares anunciaron a iniciativa xunto á portavoz, Katy Varela, e outros representantes do PP local.

“Algunhas das vivendas ou locais susceptibles de converterse en vivendas poderían poñerse a disposición de xente nova, emprendedora, xente que interesada en asentarse no rural. Con pouco investimento por parte do Goberno de Sánchez poderían poñerse en torno a un centro de vivendas a disposición dos interesados e, ao mesmo tempo, poñer en valor estas instalacións abandonadas”, manifestou o senador Juan Serrano.

A portavoz do PP de Monforte, Katy Varela, lembrou que “a vivenda é un dos problemas que ten a xente nova. E xente nova é o que precisamos na provincia e tamén en Monforte onde, precisamente, Adif ten un edificio con tres pisos baleiros”. Polo tanto, “é unha gran oportunidade para reformar estas instalacións e dirixilas ao parque público de vivendas”.

Segundo APC ESPAÑA, sería necesario construír entre 120.000 e 150.000 vivendas ao ano para atender a actual demanda existente. É máis, diferentes estudios elevan esa cifra a 1,2 millóns de vivendas necesarias para o 2030.

“Para moderar os prezos do mercado inmobiliario sería necesario incrementar a oferta tanto en réxime de alugueiro como en propiedade”. De feito, a escaseza de oferta está producindo enormes tensións no mercado inmobiliario que se acentúan con consecuencias dunha equivocada e intervencionista Ley estatal de Vivienda e con outras medidas que xeran inseguridade xurídica, como é a pasividade do Estado ante fenómenos de “okupación” e “inquiokupación”.

A moción será debatida na Comisión de Transporte y Movilidad Sostible, onde os populares agardan o apoio de todos os grupos parlamentarios comprometidos coa resolución desta cuestión fundamental para a sociedade española.

Comparte éste artículo
No hay comentarios