Paloma Castro acusa á Xunta de “castigar” aos concellos que cumpren cos requisitos medioambientais ao retirarlles a bonificación do canon de Sogama 

por Redacción Galicia

Critica que o goberno galego penalice aos concellos que reciclan polo canon que obriga a UE a Galicia por priorizar a incineración e o vertedoiro

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou hoxe á Xunta de “castigar” aos concellos que compren cos requisitos medioambientais pola retirada da bonificación do canon de Sogama. A responsable socialista trasladou a súa “fonda decepción” logo de que o presidente da Sociedade ratificara a súa decisión na súa comparecencia hoxe no Parlamento.

Castro sinalou que o goberno galego “castiga dobremente” aos concellos que estaban a facer un esforzo para cumprir cos compromisos medioambientais, e que polo tanto recibían a bonificación que vai ser retirada. Sinalou que ademais de aumentarlles o canon, os concellos veranse privados de 12 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local previstos para investimentos e que a Xunta vai empregar como compensación.

A parlamentaria socialista criticou o “sen sentido” do goberno galego, que castiga aos concellos que reciclan precisamente pola penalización imposta ao goberno galego por incinerar e depositar en vertedoiro que esixe a UE e que o Estado ten que aplicar a través da Lei de Residuos de 2022. Subliñou que esta penalización recae sobre Galicia precisamente por non facer os deberes na xestión de residuos e priorizar a incineración e o vertedoiro.

Paloma Castro ofreceu “man tendida” para acadar un Pacto de país “que modifique un sistema de xestión de residuos errado e obsoleto” por parte do goberno galego, logo de constatar que Galicia vai á cola do Estado na reciclaxe de residuos e só está por detrás de Melilla na incineración.

Acusou ao goberno galego de recorrer a unha “gran mentira” para xustificar a supresión da bonificación do canon de Sogama porque a pesares da aplicación da Lei de Reciclaxe, esta sociedade segue a ter beneficios. Ademais, explicou que o imposto, que é aplicado por esixencia da UE, está transferido ao goberno galego, que é quen o vai recadar e xestionar, e que suporá 9,5 millóns de euros adicionais cos que “aínda non sabemos o que van facer”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario