Antonio Ameijide e Luis Fernández achegáronse ata a estación de Santo Estevo onde puideron ver como os traballos van moi atrasados e “seguramente non estarán rematados en setembro” que é a última data de finalización que dende o Goberno central lle deron aos veciños.
As obras de renovación do ferrocarril na provincia de Lugo, e concretamente na zona sur, levan camiño de converterse “no conto de nunca rematar” xa que uns traballos que tiñan unha duración estimada de sete meses, segundo anunciaron dende o Goberno central, levan camiño de durar tres anos, como mínimo.
Os deputados populares Antonio Ameijide e Luis Fernández achegáronse ata a estación de Santo Estevo onde comprobaron in situ “o enorme e inxustificable atraso que teñen”.
Antonio Ameijide explica que “hai máis de dous anos que os veciños de diferentes municipios da zona sur da provincia están a sufrir os inconvenientes desta obra, os atrasos constantes e as mentiras do Goberno de Pedro Sánchez que xa anunciaron varias datas sobre a finalización dos traballos pero vemos como non cumpren a súa palabra”.
Segundo explicaron os veciños destes municipios a última data dada para rematar as obras é setembro deste ano, en dous meses, “pero moito nos tememos que non van a cumprir xa que hai moito traballo pendente como a colocación do balastro, ainstalación das vías ou das catenarias”. “Falta moitísimo traballo”, denunciou.
Unha situación que provoca que Lugo “siga illado e sen conexións por ferrocarril”. “Vemos como Lugo vai quedar sen Alta Velocidade por culpa de PSOE e BNG, que seremos a única provincia de Galicia e da súa contorna sen este servizo e, o que é peor, quedaremos tamén sen frecuencias de tren”, lamentou.
“Demóstrase que a palabra do Goberno de Pedro Sánchez non ten valor porque unhas obras que ían durar 7 meses van para 3 anos e veremos se queda só aí”, sentenciou.