Oscar Insua (BNG): “Estamos igual ca antes, para o PP a Costa da Morte só existe para vir de vacacións ou para tomar unha caña”

por 21 Noticias

O deputado do BNG destaca que o abandono da comarca por parte do PP leva á poboación “a emigrar ao estranxeiro ou ás cidades, en porcentaxes que só se teñen visto no século pasado”.

O deputado do BNG da Costa da Morte no Parlamento Galego, Oscar Insua, fixo unha valoración negativa dos cen primeiros días de goberno da Xunta do PP para a comarca, afirmando que “en realidade, non son cen, son quince anos continuados de políticas que esquecen a nosa comarca e que provocan o abandono desta zona periférica, porque non se implementan accións para fomentar a actividade industrial distinta a instalacións de parques eólicos, nin se apoia ao tecido industrial co obxectivo de aumentar o emprego da nosa veciñanza, que se ve abocada a emigrar ao estranxeiro ou ás cidades, en porcentaxes que só se teñen visto no século pasado”.

O representante nacionalista considera que a Xunta condena á Costa da Morte a converterse nun parque temático de turismo durante tres meses no verán, dependente do sector servizos, “esquecendo ao sector primario, que non para de pechar granxas, ou deixar de ir traballar no mar, como no caso da pesca do abadexo en Fisterra ou das mariscadoras en Camariñas”.

Insua cre que a peor parte do balance recae na área de infraestruturas, “que seguen como estaban hai tres meses e hai seis anos”, e subliñou que os incumprimentos “son visíbeis e patentes, despois das promesas  do PP e de Rueda escoitadas na campaña electoral”. Destacou que o remate do tramo entre Salto e Berdoias vai quedar sen executar este ano, “a pesar de que venderon que destinaban 2 millóns de euros no orzamento do 2024, e a eterna promesa convértese día tras día nunha mentira que só lles serve para enganar aos seus votantes e para castigar e ter máis incomunicada á Costa da Morte”.

“Sen boas vías de comunicación, seguirá sendo dificil que os emprendedores vexan a nosa zona como unha oportunidade de negocio para poder competir no mercado e instalar empresas e industria”, remarcou o deputado nacionalista, que sinalou que ademais do incumprimento do plan director de infraestructuras para a comarca, onde o proxecto máis importante é a autovia AG-55, existen outros exemplos, “como a falla de compromiso da Xunta co enlace da autovía co polígono de Vimianzo; o abandono do porto de Brens, obra que custou máis de 20 millóns de euros, e que a Xunta infrautiliza e do que elimina elementos importantes como a grúa de descarga; ou o porto deportivo de Corcubión”, e lembrou que son proxectos “que forman e formaron parte das promesas políticas hai máis de 20 anos, e que o PP non se digna a executar”.

Oscar Insua considera que “a valoración non pode ser positiva, todo o contrario, ademais do olvido e dos incumprimentos coa autovía, respecto dos servizos sociais seguimos sen ter centros de día en toda a comarca, a pesar de ter un edificio preparado en Corcubión que se negan a abrir e non sabemos o motivo; e na sanidade, temos localidades sen cubrir as prazas de pediatras, tendo que seguir indo a Coruña a certas consultas, cando ben podían prestarse no hospital comarcal”.

Insua manifestou que “é unha tomadura de pelo que as únicas obras que fan son mellorar as paradas de autobuses, cando o servizo de transporte é un auténtico desastre e está totalmente desmantelado na comarca, a xente maior non sabe os horarios, e para ir agora a Santiago desde Fisterra, lévanche de paseo durante tres horas por Muros e Noia, unha vergoña”. O deputado corcubionés engadíu que “as promesas do PP para a Costa da Morte son o que son, mentiras e incumprimentos, que só sirven para enganar aos seus votantes e para seguir castigando a unha comarca que destinan ao despoboamento, e que para eles só existe cando veñen de vacacións ou a tomar unha caña ao faro”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario