Son d’Aquí e Tiruleque amenizarán a foliada popular, xunto con outras actividades culturais e dous xantares
Os veciños e veciñas dos Castros gozarán esta semana dunha Romaría, con dous días de música e actividades para todos os públicos. A cita enmárcase na liña posta en marcha polo Goberno de Inés Rey para o apoio das Festas nos Barrios como ferramenta de dinamización social e económica da cidade.
A romaría terá lugar no Parque de San Diego. Comezará mañá, luns 15 de xullo, a partir das
11.00 horas cunha alborada a cargo do Grupo Xebre, seguida da actuación familiar da man dos Monifates, ás 12.30 horas e con outra cita ás 18.00 horas da tarde. Ás 13.30 horas comezará o xantar popular, con churrasco, e amenizado novamente polo Grupo Xebre.
Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, haberá xogos populares e actividades vinculadas á memoria do barrio, da man da Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros. Ás 20.00 horas a festa continuará coa foliada popular da man de Tiruleque e Son d’Aquí.
A segunda e última xornada será o martes 16 de xullo e comezará a partir das 11.00 horas con Son d’Aquí. Seguirá ás 12.30 horas coa actuación de circo e malabares de Simplemente Enricco e rematará co xantar popular, amenizado por Son d’Aquí.
A Romaría dos Castros está organizada pola Asociación Oza-Gaiteira-Os Castros en colaboración co Concello da Coruña.