O BNG esixe garantir a operatividade nocturna do aeroporto de Alvedro e poñer fin á privatización da torre de control

“Esta situación está a comprometer a atención de voos sanitarios e o transporte de órganos para transplantes, algo absolutamente inaceptábel” indica Néstor Rego.

O deputado do BNG vén de rexistrar iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado medidas urxentes que garantan a plena operatividade nocturna do aeroporto de Alvedro, após contrastar a grave falta de persoal na torre de control após a súa privatización e exixe ao Goberno que volva a mans públicas.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que “a xestión privatizada das torres de control de Alvedro e Peinador está a demostrar ser absolutamente ineficaz e perigosa, ao non garantir persoal suficiente para cubrir quendas nocturnas nin situacións extraordinarias”.

A concesionaria Saerco, responsábel da torre de control do aeroporto da Coruña, non dispón do cadro de persoal necesario para asegurar a cobertura continuada do servizo, o que está a provocar a cancelación de vacacións, permisos e descansos do persoal, así como a non cobertura de baixas. Ademais, a utilización de controladores compartidos entre os aeroportos da Coruña e Vigo incrementa o risco de deixar sen servizo operativo a torre en horario nocturno.

“O máis grave é que esta situación compromete directamente a atención de voos sanitarios e o transporte de órganos para transplantes, algo absolutamente inaceptábel nun aeroporto que dá servizo a unha área sanitaria con un hospital de referencia como o CHUAC” subliña Rego. O BNG alerta de que a falta de operatividade nocturna pode pór en risco actuacións coordinadas pola Organización Nacional de Transplantes, polo que tamén demanda a implicación do Ministerio de Sanidade nesta cuestión.

A iniciativa do BNG tamén denuncia que Saerco incumpriu en varias ocasións a súa obriga de publicar as correspondentes notificacións aeronáuticas (NOTAM) para advertir de limitacións operativas, ocultando intencionadamente a situación deficitaria do servizo, feitos que tiveron que ser corrixidos tras a intervención de AENA logo das denuncias do persoal controlador.

Para o deputado nacionalista, “non é admisíbel que AENA e o Goberno se limiten a dicir que non houbo problemas até o de agora; a súa obriga é anticiparse e garantir a seguranza aérea e a atención de emerxencias en todo momento”.

O BNG considera que existen razóns “máis que suficientes” para revisar a concesión e mesmo retirarlle a licenza a Saerco, tendo en conta os mínimos exixidos pola Lei 21/2003, de Seguranza Aérea, e lembrando que a propia empresa recoñeceu en sede xudicial dificultades para facer frente ás súas obrigas económicas e laborais.

“Está demostrado que o modelo privatizado fracasou. Demandamos recuperar a xestión pública das torres de control de Alvedro e Peinador, única garantía de que se preste un servizo público esencial con criterios de seguridade, continuidade e interese xeral” conclúe Néstor Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios