Hostelería Compostela advirte da presenza de chinches

por Redacción Galicia

«Todos os veráns sucede o mesmo. Intensifícase o número de peregrinos que chegan a Santiago e empeza a haber problema de chinches», afirma Sara Santos, presidenta da Asociación Hostelería Compostela, tras recibir a chamada dalgúns socios advertíndolle deste problema que, «de momento e por fortuna, é case anecdótico, pero xa está aquí».

Por iso, desde a asociación de hostaleiros piden aos seus compañeiros «extremar as precaucións para previr o que pode chegar a ser un problema grave»  e sobre todo, «que a Xunta de Galicia, os albergues e aloxamentos do Camiño, e as empresas de transporte tomen conciencia diso, porque os chinches chegan aos nosos establecementos nas mochilas dos peregrinos».

Para a presidenta da entidade tamén é necesario «normalizar a situación, previla e establecer un protocolo de actuación común, pero non só para os aloxamentos, senón tamén para que os propios peregrinos sexan conscientes de que poden ser picados por un chinche no Camiño e levalos consigo nas súas equipaxes e roupas», polo que deben «revisar sempre a súa mochila e as súas pertenzas, por se levan algunha antes de saír do establecemento, e avisar aos seus responsables se fose así para que poidan tomar as medidas oportunas».

Santos insiste en que «ao final, é un problema de todos, e tanto a administración, como o sector hostaleiro e turístico, e os propios peregrinos e turistas deben tomar conciencia diso e involucrarse para acabar co problema».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario