Gómez Besteiro denuncia que Alfonso Rueda converte a moratoria do eucalipto nun «plan encuberto» de liberalización

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, abriu hoxe a súa comparecencia cunha crítica directa á “dimisión en diferido” de Carlos Mazón, “que é un caradura e un sinvergüenza e que aínda non deu explicacións do ocurrido hai un ano”.

Besteiro criticou a saída “sen explicacións nin asunción de responsabilidades” que -lembrou- contou estes meses co aval político e o aplauso de Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo. Subliñou, ademais, unha afirmación relevante do propio Mazón: que non solicitou a Declaración de Emerxencia Nacional por consello de Feijóo, extremo que, dixo, “vai dar que falar nos vindeiros días”.

Acto seguido, Besteiro centrou a súa intervención en Galicia e na moratoria do eucalipto: denunciou que Rueda está utilizando a Lei de Acompañamento para introducir “portas de atrás” que baleiran de contido a moratoria do eucalipto aprobada no ano 2021. Segundo explicou, a chamada flexibilización “permite quitar eucalipto nun lugar para plantalo noutro”, co que a moratoria deixa de ser moratoria e convértese nunha liberalización encuberta.

O portavoz lembrou que a moratoria naceu “para parar, avaliar e reconducir” e fixou o seu horizonte en decembro de 2025; con todo, explicou, “a día de hoxe non existe avaliación oficial publicada sobre os seus efectos”. Engadiu que técnicos da propia administración advertiron de inseguridade xurídica, enorme complexidade técnica e risco real de expansión da especie se prospera a flexibilización.

A alternativa do PSdeG

Besteiro situou a proposta socialista en catro pasos: moratoria real, restauración,  ordenación e diversificación do monte galego. E concretou as medidas:

Prorrogar cinco anos a moratoria para planificar con datos reais.

Publicar xa a avaliación 2021–2025.

Investigar especies alternativas autóctonas e reforzar a biodiversidade e a conservación.

Plan de choque contra a banda marrón e mellora xenética de coníferas.

Modelo industrial e Altri

Besteiro advertiu que a ampliación da flexibilización  “dá que pensar” porque encaixa co único plan industrial coñecido que defende o PP: o de  Altri. Advertiu de que, se se pretende encaixar Altri na ampliación 2025–2030 da capacidade eléctrica, a Xunta debe aclarar a que proxectos maduros renuncia para priorizar “un proxecto que non é maduro”.

Incendios, orzamentos e fondos europeos

Besteiro enmarcou o debate forestal nunha política “de 16 anos sen investimento suficiente e estable en prevención, extinción e ordenación”, lembrando que “un monte rendible e ordenado non arde”. Criticou tamén que os fondos europeos “non se aproveitaron para modernizar Galicia”, senón para “tapar o día a día”, e que hoxe a Xunta carece dun plan industrial máis aló de Altri.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios