O Secretario Xeral do PSdeG no municipio, Carlos Pereira, reclama esta medida co obxectivo de substituír os actuais colectores por outros que sexan útiles para as persoas con mobilidade reducida
A Agrupación Socialista de Becerreá acaba de rexistrar no Concello unha petición para instar ao Concello a deseñar e implementar un plan para substituír os contedores de lixo actuais por outros máis accesibles para todos os cidadáns. Esta medida responde á que os actuais non son útiles para as persoas con mobilidade reducida, especialmente aquelas que utilizan cadeiras de rodas, que atopan grandes dificultades para depositar as súas bolsas de lixo nos contedores actuais.
Segundo expresou o Secretario Xeral dos socialistas de Becerreá, Carlos Pereira «os contedores de lixo actuais non están deseñados tendo en conta as necesidades das persoas con discapacidade, o que crea unha barreira inxusta e innecesaria para un sector importante da nosa comunidade». Engadiu que «é fundamental que o Concello tome medidas inmediatas para asegurar que todos os veciños e veciñas poidan realizar algo tan sinxelo como desfacerse do lixo sen atopar obstáculos”, expón, indicando que se debería comezar por repoñer aqueles contedores que están máis deteriorados.
“A accesibilidade en Galicia, segundo un informe da Valedora do Pobo, dictamina que calquera persoa debe dispoñer e poder utilizar as administración, os servizos e os produtos en igualdade de condicións. A contorna debe dispoñer das condicións por igual”, explica Pereira, pero en Becerreá “non é raro ver como persoas con diversidade funcional motora, teñen verdadeiras dificultades porque non poden levantar a tapa dos contedores actuais”. Polo tanto, indica o socialista, “é evidente que non se cumpre a actual lexislación de accesibilidade universal, onde tamén debemos incluír ás persoas maiores, pois algunhas teñen tamén problemas de mobilidade e non lle son prácticos os actuais contedores”.
Os socialistas de Becerreá recalcan que a accesibilidade é un dereito fundamental e que o Concello debe actuar de inmediato para asegurar que ningunha persoa quede excluída pola falta de infraestruturas axeitadas. «Non podemos permitir que a falta de accesibilidade nos contedores de lixo siga sendo unha barreira para os nosos veciños e veciñas con discapacidade», conclúe.